O kenpo vilagarcián pecha o Mundial en Budapest con tres títulos e media ducia de medallas

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Pedro Muñoz conquistou os ouros en kata e semikenpo en -70 quilos Sub-21, mentres que Carolina Casais o fixo en kobudo sénior

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A selección española de kenpo pechou onte na capital de Hungría, Budapest, a súa segunda participación na historia no Campionato do Mundo. E como o ano anterior na localidade portuguesa de Albufeira, tivo nos deportistas vilagarciáns incluídos na súa expedición unha fonte de preciosos metais. Tres títulos e media ducia de podios sumaron entre Pedro Muñoz e Ricardo Ramos, do club Kenpo Vilagarcía, e Carolina Casais, que tras competir a tempada anterior coa entidade arousá, nesta continuou camiño adestrando no ximnasio Squash de Vilagarcía e competindo con licenza do Buxicán de Madrid.

Pedro Muñoz deu un paso máis na súa consolidación como figura no panorama internacional do kenpo. Conquistando os títulos mundiais de kata, co seu compañeiro de club Ricardo Ramos á súa dereita no podio coma subcampión, e na segunda xornada en Budapest do do cadro de menos de 70 quilogramos de semikenpo; en ambos casos, na categoría Sub-21. Na anterior edición, con 18 anos Muñoz convertérase en Portugal no mellor deportista do planeta en armas e, en parella con Casais, defensa persoal mixta, axenciándose ademais as pratas en kata e en combate da última categoría de formación do kenpo.

Tres foron os metais colleitados por Carolina Casais no Mundial de Budapest, no que participou na categoría sénior. Na primeira xornada do campionato a vilagarciá subíase ao máis alto do podio de kobudo, ao que sumaba o subcampionato en kata, por detrás da tamén española Sandra Ajates. O segundo día Casais e un Ricardo Ramos que na véspera se colgara a xa comentada prata en kata e mais o bronce en kobudo Sub-21, redondearon a súa actuación en Hungría co subcampionato en defensa persoal mixta sénior. Con estes resultados, a vilagarciá eleva a sete as súas medallas mundiais, logo de conseguir un ano antes en Albufeira o título de defensa persoal mixta co seu excompañeiro de club Pedro Muñoz, ademais de tres bronces nos cadros de competición de armas, de kata e de defensa persoal dúo feminino.