Marcos e Suso, dous ex que aparcan o seu alto aprezo polo Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Fútbol O lateral e o reconvertido dianteiro falan dun 1-2 a prol do seu hoxe Céltiga

27 abr 2018 . Actualizado a las 13:23 h.

Os dous foron, con Eloy Fariña, con quen esta redacción tentou onte sen sorte contactar, compañeiros a tempada pasada no vestiario da Lomba. Mañá Marcos Lorenzo (Valga, 24/I/1996) e Suso Martínez (A Coruña, 29/IX/1990) visitarán o estadio vilagarcián con intención de contribuír a poñerlle ao seu ex, o Arousa, o seu ansiado acceso á promoción a Segunda División B costa arriba. Contribuíndo a un triunfo do Céltiga na trixésimo quinta xornada de Liga, que o cadro illense precisa con urxencia na súa loita por eludir a queima dos descensos en cadea con orixe na múltiple caída de equipos galegos desde a categoría de bronce do balompé español.

A historia común de Marcos e de Suso co Arousa ten as súas notables diferenzas. Comezando polo momento, tan importante á hora de definir tantas situacións, no que abandonaron as filas arlequinadas. No caso de Marcos, foi o pasado verán cando o lateral dereito deixou de figurar nos plans de Jorge Otero. Formado nas canteiras do Catoira, do Cordeiro, do Conxo e do Deportivo da Coruña, o defensa valgués xogou o seu derradeiro ano xuvenil na base do Arousa, para completar os seus dous primeiros exercicios como futbolista sénior na praza vilagarciá de Terceira División.

O Céltiga foi o seu novo destino. Tras non contar coa confianza de Edu Charlín, Marcos gañouse pronto a titularidade coa chegada ao banquiño de Manolo Núñez. Pero unha rotura nos isquiotibiais, cun par de recaídas, cortaron a súa progresión entre novembro e febreiro. Xa recuperado, non foi quen de desbancar a Paco Allo do seu posto. A expulsión do santiagués fronte ao Bergantiños devolverá con moita probabilidade o de Valga ao once do Céltiga mañá.

«Se teño a oportunidade neste partido, non vou deixar de aproveitala», comentaba onte Marcos. A súa situación persoal, unido ao feito de que «xogamos contra o equipo co que subín a sénior, que ademais é o meu anterior destino, faime vivir este partido cunha motivación extra», di. Sobre todo, por «volver á Lomba, e volver ver grandes amigos que deixei alí».

Haberá partido

O lateral do Céltiga aventura «un partido moi duro», no que pon en valor o feito de que, fronte a un Arousa poderoso, «defensivamente estamos a facer as cousas moi ben, melloramos moitísimo nese aspecto; só nos falta pegada». Algo que o regreso de Rubén Márquez, baixa ante o Bergantiños tras a súa expulsión logo de marcar os dous primeiros tantos do 3-2 co que o Céltiga derrotaba o Barco, debería solventar.

«Véxoos no play-off. E aparte de pensalo, deséxollo», declara Marcos, que desta forma traslada o «cariño que lle teño ao Arousa», do que salienta especialmente a súa «afección espectacular».

Na mesma liña se manifesta Suso Martínez, que volve á Lomba tras abandonar o seu vestiario «de mutuo acuerdo», reitera, o pasado mes de xaneiro inda sendo titular indiscutible no costado esquerdo da zaga de Jorge Otero. «Conmigo se portaron bien la afición y parte de la directiva. Raro se me hace jugar contra el Arousa, allí dejé amigos». A partir de aí, Suso salienta as «ganas de ganar» coas que irá co Céltiga; «sin ánimo de revencha», lembrando o moito que tamén se xoga o seu actual equipo no derbi de mañá.

Suso agarda «hacer un buen partido, disfrutar, y ganar». O segundo, di, estáo a facer desde a súa chegada ao Céltiga, onde Manolo Núñez «me da mucha libertad» xogando de interior esquerdo ou de mediapunta. Posto este último que coincidíu co 0-0 do Céltiga en Somozas, e co 3-2 sobre o Barco.

O exarlequinado agarda un Arousa que «querrá tener el balón y resolver el partido cuanto antes», mentres «nosotros tenemos que hacer un partido completo, sin errores, y materializar alguna de las que tengamos».

¿Atrévense cun resultado? Pois si. E os dous coinciden: 1-2. É máis, tirámoslle da fala a Marcos, e mesmo se atreve a ampliar o prognóstico: gol local de cabeza de Rivas, e tantos visitantes dos exarlequinados Suso e Eloy.