Reconstruíndo a María Victoria Moreno

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Unha obra de teatro sobre a vida da escritora á que se lle dedica o 17 de maio abre o programa de actos de Ravella

26 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Só catro mulleres, catro. Só catro mulleres teñen sido protagonistas, ata o momento, do Día das Letras Galegas. «E non é que non as haxa, ¿eh?», retrucou onte unha das integrantes de Matrioska Teatro. Esta compañía vai ser a encargada de poñer en marcha o programa organizado pola Concellería de Cultura de Vilagarcía para o 17 de maio. O departamento que dirixe Sonia Outón programou para este venres a obra de teatro «Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos». O título, explican as integrantes de Matrioska, fala de María Victoria Moreno. Unha muller que naceu en Extremadura pero que, dende que se instalou en Galicia a comezos dos anos sesenta, abrazou o noso idioma cunha forza tal que mesmo chegou a dar clases desta lingua a outros mestres cando esa actividade non estaba, precisamente, ben vista.

Sementaba poesía

Matrioska Teatro decidiu reconstruír a historia de María Victoria Moreno porque unha das súas compoñentes tivo a sorte de ter estado na súa clase. Non pode esquecelo. «Cando lle dixo a María Victoria que quería ser actriz, ela díxolle ‘pois imos ver que fai falla para ser actriz’». Hoxendía, aquel pequena alumna vive do teatro e da poesía. Sabía sementar moi ben aquela mestra a paixón polas letras, e polos libros, e polo idioma noso. E sementaba todo iso entre os máis novos. Ese foi un dos factores que onte destacou Sonia Outón durante o acto de presentación dos eventos. O futuro do idioma está nos cativos de hoxe. É a eles a quen hai que «enganchar» ás nosas letras, á nosa fala. E por iso, o Concello ten mercado libros en galego para repartir entre os colexios da vila. Benvidos sexan.