«A tempada que vén non sei se imos dar un paso adiante ou un atrás»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O voceiro do Cortegada di que o club debe analizar a que pode aspirar o primeiro plantel tras unha campaña que dá por boa pese aos decepcionantes números

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco vitorias e oito derrotas na segunda volta. O peso dos números afundíu o último proxecto deportivo da Agrupación Deportiva Cortegada na Liga Feminina 2. Dunha maneira tan contundente, con sorprendentes derrotas ante tres dos catro equipos máis frouxos da competición, Basket Mar Gijón (79-62), ADBA (62-56) e Segle XXI (81-84), como prematura, cun último mes de campionato de puro trámite para o conxunto vilagarcián. Un desenlace insospeitado para o terceiro mellor equipo da clasificación combinada dos dous grupos da LF2 a tempada anterior, e que arrincara o curso 2017/18 co obxectivo confeso de repetir presenza na fase de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino español.

Tres días despois do punto final á campaña coa duodécima derrota do exercicio na cancha do Patatas Hijolusa, o voceiro da directiva da Cortegada, José Gorgoso, difería da fría lectura dos números: «Non saíron as cousas como queriamos, pero estamos contentos coa campaña por todo o que pasou». E o que pasou, lembra, foi a repentina marcha de Vandell Andrade, a á-pívot estadounidense que tan importante fora na brillante traxectoria vilagarciá a tempada anterior, na mesma semana de inicio da LF2 2017/18. E os seis partidos que o equipo arousán tivo que xogar sen a súa pívot franquicia, Amy Syll, na última xornada da primeira volta e as cinco primeiras da segunda; máis a marcha a comezos de febreiro dunha desde o primeiro día descentrada Belén Mejías, que obrigou a Sara Gómez a rematar de asumir a dirección de xogo no Cortegada. E se o golpe de Vandell se solventou ben, como proba o quinto posto empatado co terceiro e co cuarto clasificados ao termo da primeira volta, o equipo non soubo seguir a Sara Gómez e dar un paso adiante para crecer na adversidade tras cruzar o ecuador da Liga.

Gorgoso salienta neste punto que «na segunda volta houbo equipos que se reforzaron moito. Nós somos un club modesto» ao que hai tempo que comezan a non saírlle as contas. «Cuns 3.000 euros dos nosos arredor de 300 socios, con 2.000 euros do Concello, é moi difícil competir; non é viable», declara o directivo.

Así as cousas, o voceiro e vicepresidente do Cortegada declara que «a tempada que vén non sei se imos dar un paso adiante ou un paso atrás». Unha decisión que deberá tomar en xuño a asemblea do club. Ata entón, os seus responsables dedicaránse a «analizar todo e ver ata onde podemos chegar». Porque a día de hoxe non hai sequera un espónsor para o equipo, e un proxecto para pelexar polo ascenso precisaría, calcula Gorgoso, dunha firma patrocinadora que puxera entre 50.000 e 60.000 euros, e dun mínimo de medio milleiro de socios detrás. Pase o que pase, o desexo da directiva é volver contar, por sexto curso consecutivo, con Rubén Domínguez á fronte do equipo, xunto co seu actual corpo técnico.