«O Estado ten cos pensionistas unha débeda enorme que non pode obviar»

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Cuba calcula que as medidas correctoras que defenden os sindicatos subirían en 71.000 millóns de euros a recadación

17 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cando comecei traballar na caixa, lembro unha comida de despedida a un compañeiro que se retiraba. O home erguese nos postres e díxonos aos máis novos que, aínda que non o crésemos, tamén nós iámonos xubilar un día. Eu nin caso con vintepoucos anos, pero mira». Quen fala é o sindicalista Paco Cuba (A Coruña, 1951), secretario de Comunicación da Federación de Pensionistas de Comisións Obreiras.

-Hai moito do que falar. Pero, por comezar por algo ben recente, ¿é que non hai xeito de conseguir a unidade sindical nin sequera para defender as pensións?

-Ben, as nosas portas están abertas e nós estariamos encantados. Estamos tratando de que dende o sindicato nacional, a través do secretario xeral, Ramón Sarmiento, se consiga esa unidade, cando menos cara o 1 de maio, Se o problema é a reforma do 2013, que quede claro que pedimos precisamente a súa derogación. Non se entende que, se o Goberno asegura que a crise está rematada, non volvamos á situación anterior, co IPC como referencia para a actualización das pensións. Non imos parar ata que aquel decreto se levante.

-¿Como se actualizan as pensións noutros países europeos?

-Hai de todo. Debemos lembrar que aquí, antes do Pacto de Toledo, todo era moi caótico e dependía do goberno do momento. Co pacto regúlase o IPC como referencia, que o PP substitúe por ese célebre índice de revalorización das pensións que sabe o pupas o que é iso. O único certo é que perdemos poder adquisitivo. Dinamarca, Holanda, o Reino Unido ou Noruega estudan como van os salarios, e a medida que soben, soben tamén as pensións. Francia, Italia ou Austria fano pola inflación. Hai unha serie de países que empregan os dous criterios, como Bélxica e Bulgaria. Alemaña emprega os salarios e un factor corrector como referente, Grecia fai o cálculo cos salarios e o PIB, ao igual que Portugal. Só España se rexe en exclusiva por ese factor corrector.

-Vostedes propoñen a volta a Toledo. Pero tamén toda unha serie de medidas. ¿Cal son?

-Son medidas correctoras que, segundo os nosos cálculos, incrementarían a recadación en 71.000 millóns de euros. Para empezar, un incremento conxuntural de dous puntos nas cotizacións. Moi importante sería o incremento ou anulación dos topes de cotización. En España, ese tope está nos 45.000 euros. Iso quere dicir que quen cobran máis que esa cantidade, non cotizan por riba deses 45.000 euros, que son tres mil euros e pico ao mes, mentres que o resto, os máis baixos, si cotizan por todo o seu salario. Bélxica, Holanda e o Reino Unido non teñen ese límite. Todos cotizan polo que cobran. Luxemburgo ten o tope en 115.000 euros, Italia en 100.000, Alemaña en 74.000 euros. Estamos falando do dobre que o noso.

-¿Non hai países que o teñen máis baixo?

-Hai. Grecia está nos 70.000, Suecia en 49.000 e Holanda nos 33.000 euros. E hai planes de pensións privados. Pero o que non se nos di é que en gran parte dos países europeos esas pensións privadas forman parte do salario. Son as empresas as que cotizan, as que fan ese peto. Aquí o que se nos pide é que todo nos veña no lombo aos traballadores. ¿Como vas aforrar para un fondo privado se cobras mil euros?

-¿Que outras medidas propoñen?

-Equiparar as bases medias de cotización, incluías as do réxime de autónomos. Que o Estado asuma os gastos de administración da Seguridade Social, porque neste momento os seus funcionarios, por exemplo, seguen cobrando da recadación que se fai sobre o salario dos traballadores. Isto é algo incrible que sucede en España dende sempre. Que as bonificacións por novos contratos tampouco corran a cargo da Seguridade Social, senón dos orzamentos do Estado. E unha grande partida, de 19.000 millóns de euros, que se cargan á Seguridade Social para prestacións de supervivencia e non contributivas, e deberían financiarse tamén con cargo aos impostos. A loita contra a economía somerxida e a creación de tres millóns de empregos serían tamén cuestións fundamentais. Coas pensións e cos pensionistas o Estado ten unha débeda tremenda, que non pode obviar. E, mira, tan mal non debe funcionar o sistema cando no peor da crise fomos nós quen aguantamos. Cando eu era pequeno, había que ter fillos para que coidasen dos vellos. Agora, polo visto, hai que ter vellos para que coiden dos fillos.

-¿Que hai da xente nova? Non semella estar moi implicada nesta reivindicación...

-Se cadra porque non se decatan de que os que temos pensións, mal que ben, xa as temos. Só hai que mirar a taxa de reemprazo, a porcentaxe que vas cobrar na pensión referente ao teu último salario en activo. No 2013 esa porcentaxe era do 80 %. Tal e como imos, vai en picado e en breve, aló polo 2025, situarase no 60 %. Estamos falando da metade do salario, ¿eh? Esa é a pobreza, a miseria que está en camiño.

«En España, os

que cobran máis

de 45.000 euros non cotizan por todo o seu salario»

«Antes tiñas fillos para que coidasen os vellos; agora hai que ter vellos para que coiden os fillos»

Un debate abierto sobre la encrucijada de la tercera edad

Foro Voz analiza, en colaboración con el Concello de Vilagarcía, la situación de las pensiones y del colectivo de personas mayores. Será el jueves, en el Salón García, a partir de las 20.30 horas. Como ponentes, el economista Albino Prada, la trabajadora social Julia Souto, el sindicalista Paco Cuba y la concejala de Servizos Sociais, Tania García. La entrada es libre hasta completar el aforo y el público podrá formular preguntas.