O campión impulsado polos anos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Iniciado no tríatlon hai 18 anos, o vilagarcián non para de sumar títulos galegos e nacionais en veteranos antepoñendo a saúde á competitividade

12 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai campións por convicción e outros por simple selección natural das cousas. Andrés López Torres (Vilagarcía, 2/XI/1963) é dos segundos. A pasada fin de semana en Avilés ampliaba a súa década prodixiosa no mundo do dúatlon e do tríatlon en categorías veteranas, conquistando o título nacional de esprinte para deportistas de 55 a 59 na primeira das modalidades, a que reúne carreira a pé e ciclismo. O último apuntamento nun amplo palmarés autonómico e estatal cheo de visitas aos tres chanzos do podio. ¿De cantas falamos? Pois o certo é que Andrés non acerta a cifralas, máis aló dos 3 ou 4 títulos españois por modalidade que lle veñen á mente nun repaso polo aire. Será porque os resultados, afirma, son para el tan só un feliz efecto colateral que, non o nega, axuda a engraxar as súas doce horas de preparación semanal entre a piscina e adestramentos a pé e en bicicleta.

«Fago deporte para estar en forma, para estar ben comigo, e como unha forma de evadirme do traballo. Gañar títulos dáche impulso para insistir. Pero o básico é estar ben». López Torres transpira o vello mens sana in corpore sano. Obtendo coa rutinización do seu método de mantemento físico e a combinación do paso dos anos unha ecuación redonda. Porque o propio Andrés non ten reparo en expoñer que, entre as claves do seu éxito está o peso do paso do tempo, co 2008 como punto de inflexión. Gañando entón o seu primeiro Campionato de España, o de Tríatlóon Cross -o sector ciclista faise en bicicleta de montaña-, rematando ademais subcampión nacional de dúatlon e de tríatlon en bicicleta de estrada, e colgándose a súa ata hoxe única medalla internacional, o bronce no Mundial de Tríatlon Cross, en Cáceres. «Nos deportes minoritarios, ao cambiar de categoría de idade, a medida que vas cumprindo anos queda menos xente competindo», explica o vilagarcián para desmitificar a imaxe que home de ferro que máis dun competidor, sobre todo no seu club, o C.T. Vilagarcía, ten del.

Con 37 anos Andrés López foi unha das testemuñas directas do florecemento do tríatlon en Galicia. Xogador do Liceo Marítimo e do BBC de mozo, tras anos de inactividade o hoxe campión veterano decidiu retomar a súa relación co deporte a modo particular no ano 1991 sobre unha bicicleta de montaña, logo nunha de estrada, para comezar a correr pola súa conta en 1996. Con esa base o seu amigo Pancho Costa, o pai do tríatlon na capital arousá, animouno a facer con el o seu primeiro tríatlon. Foi no 2000, en Vigo. «Recordo que eramos 100 ou 105, as fichas que debía de haber daquela en Galicia, e que quedara de 50, e pensara ‘¡Home, non debo de facelo tan mal’!», conta o arousán, que se enganchou ao tríatlon ao momento. Á tempada seguinte federouse, e xa non deixou de competir. Nas filas do Tríatlon Vigo, do Porriño, do Poio, e desde hai dous anos, do Vilagarcía.

Foi tamén varias veces campión de España por autonomías, o que, máis aló da satisfacción polos títulos, lle permitiu compartir horas de bus e de hoteis cun Javi Gómez Noya moito máis novo. «Deixábanos a todos os maiores atrás. É moi bo rapaz. Como aparenta na tele, el é así. Non é nada impostado», dinos.

Se Noya é un referente para todos os triatletas galegos, Andrés López éo como mínimo para as dúas ducias de compañeiros do seu club, case todos moito máis novos ca el. «¿Unha referencia eu? Para os do club podo selo non por como ando, senón polos anos que levo», di. Dezaoito para ser precisos, nos que aprendeu unhas cantas leccións. Como hai dous anos, cando logo de rematar cuarto no Mundial de Dúatlon en Pontevedra pasou tres días ingresado: «Ía coa motivación de acabar campión do mundo. Almorzara moi cedo, fixera moita calor, bebera pouco e a proba comezara tarde. Deume unha volta moi grande. Foi a miña peor experiencia con diferenza». Un recordatorio de que practica o tríatlon coma un medio, non coma un fin. O mesmo cos seus compañeiros de club. Por iso, «cando vexo a xente que se embala cos adestramentos dígolles ‘¡Oe, que somos pais de familia! O primeiro é a familia, logo o traballo; e despois o deporte», conclúe.