Imaxina Galicia na clave da Terra Media

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Participa no concurso de relatos fantásticos do festival de cine de Vilagarcía e verás publicado o teu conto

10 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai meses, a organización do fetival internacional de cine e banda deseñada de Vilagarcía anunciou que a edición do Curtas Film deste ano se dedicaría á fantasía en xeral e ao universo ideado por J. R. R. Tolkien moi en particular. Unha das iniciativas máis rechamantes ten que ver cun concurso de relatos que o Curtas lle propón a todos os afeccionados á Terra Media. Trátase de trasladar a Galicia a mitoloxía tolkiená e as súas criaturas para renderlle unha merecida homenaxe ao escritor británico e, de paso, revisar as paisaxes e lendas do país nesa mesma clave.

Se che gusta escribir e es un dos moitos apaixonados do mundo creado en torno a «O Señor dos Aneis» pon man á obra porque aínda quedan tres semanas para que peche o prazo de presentación dos relatos. Os traballos que concursen deben ser inéditos, estar escritos en galego e ambientados en Galicia. Se aínda por riba se empregan Vilagarcía e a bisbarra do Salnés como escenarios das aventuras, mel nas filloas.

Os dez mellores contos

Os dez mellores relatos que así sexan considerados polo xurado daranse a coñecer o vindeiro 17 de maio. Todos eles serán recollidos nun volume recopilatorio, sen ánimo de lucro, que se presentará durante a edición número 46 do festival, que se desenvolverá en outubro na capital arousá.

A organización explica que leva xa dous anos traballando para achegar a cultura audiovisual a Vilagarcía: «Uns anos nos que fomos aprendendo e tratando de mellorar, sempre sen ánimo de lucro, tan só por amor á cultura popular en todas as súas acepcións». Dentro deste espírito, chega agora o intre de apostar por a literatura como unha actividade máis dentro do programa, do mesmo xeito que a banda deseñada acabou sendo un elemento fundamental da proposta que cada outono se presenta ao público arousán. Non hai máis que lembrar a mostra de grandes do cómic e a ilustración que este ano se despregou na sala de exposicións Antón Rivas Briones, con figuras como Juan Giménez, Maroto o Luis Royo.