Sinatura en Vilagarcía do histórico convenio entre a Liga Galega de Traíñas e a ACT

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os presidentes das dúas entidades rubricaron o acordo no salón nobre do consistorio de Vilagarcía

08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, como «fedatario», os presidentes da Asociación Liga Noroeste, matriz da Liga Galega de Traíñas, Melchor Gago, e o da Asociación de Clubes de Traineras (ACT), Borja Rodrigo, asinaron onte no salón nobre do consistorio da capital arousá o histórico primeiro convenio de colaboración entre ambas entidades. Un acordo do que Gago quixo salientar a súa «importancia», por canto había anos que o remo galego agardaba por el de cara a «proteger los intereses de nuestros clubes», e que resultou moitísimo máis doado de conseguir do que a maioría da xente cría. Concretamente, media hora de xuntanza entre directivas de ambas asociacións en Castro Urdiales a comezos de ano.

O presidente da ALN e o seu homólogo da ACT agradecéronse mutuamente a rápida entente. Coa sinatura dun acordo que, salientou Borja Rodrigo, supón «un día importante para el mundo del remo, para garantizar su estabilidad», recoñecéndolle a Melchor Gago que «es de recibo que el sistema de fichajes beneficie también a la Liga Galega» tras anos facéndoo coa ARC vasco-cántabra.

Cunha duración ata o 31 de decembro, prorrogable, o acordo ALN-ACT regula, entre outras cuestións, o sistema de ascensos e de descensos que de maneira oficiosa viña funcionando entre ambas Ligas ata hoxe, a vixencia recíproca das sancións disciplinarias aprobadas por unha e por outra, convenios de filialidade entre clubs, a entente obrigatoria entre as partes se un equipo da ACT quere levar tres ou máis remeiros dun da LGT, ou os 6.000 euros que poderá cobrar un club polo traspaso dun remeiro sobre o que teña os dereitos.