Lectoriño, ou como fomentar o amor polas letras entre os cativos

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

A mostra de literatura infantil e xuvenil celebrarase en Vilagarcía entre o 21 e o 23 de abril

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Lectoriño naceu en Vilagarcía hai dezasete anos. Foi alá, logo, tempo máis que suficiente para dar por consolidada esta mostra de literatura infantil e xuvenil, que chega cada mes de abril -o mes dos libros- cargada de propostas e de historias. Desta volta, a cita co Lectoriño será os días 21, 22 e 23, na sala de exposicións do auditorio. Un espazo no que se vai abrir unha porta no tempo. Porque o lema da exposición deste ano déixao ben claro: «A máquina do tempo: Viaxe ás nosas orixes».

Explicaba onte a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que o tema elixido non é froito do azar. Este é o ano do patrimonio, e en Vilagarcía quixeron tecer arredor desa idea, arredor do Castro Alobre, arredor do libro sobre ese recuncho máxico dos Bolechas, toda unha historia. E atención, porque os alicerces son dos bos.

Empecemos polo principio. O Lectoriño arrinca o sábado 21, ás 11.30 horas, coa inauguración da exposición de literatura infantil e xuvenil que articula todo este programa cultural. Desta volta, está confirmada xa a presenza na feira de Vilagarcía de sete editoriais que presentarán as súas novidades para nenos, adolescentes e mozos.

A mostra de libros estará aderezada con outro tipo de actividades. Vexamos. Haberá teatro. O mesmo sábado, ás 12.00, Títeres Tarabelos porá en escena a obra Debulando lendas. Ese mesmo día, pero pola tarde, haberá cine. Desta volta, cunha película de animación, Os Croods, que amosa as dificultades dunha familia prehistórica.

E haberá, tamén, obradoiros nos que os rapaces poderán gozar aprendendo cousas sobre as nosas orixes. Guiados por técnicos do CSIC, coñecerán os segredos da pintura rupestre (domingo, 12 horas), e abrirán unha «Porta á prehistoria»: ao outro lado da mesma haberá contos e unha apaixonante clase de cerámica. Para participar nesta actividade hai dúas quendas: ás 18 e ás 19 horas do domingo.

En ningún dos casos, explican dende o Concello, será precisa inscrición previa. Os técnicos do Centro Superior de Investigaciones Científicas están preparados para atender a cantos nenos faga falla.