Receitas para detectar o machismo rampante

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

¿Que che parecería un anuncio no que un home lavase un coche en tanga? O Soño de Lilith nolo conta

26 mar 2018 . Actualizado a las 12:12 h.

O machismo é coma un día de orballo. É doado identificar o problema cando unha está enchoupada, metida xa ata o pescozo na auga. Pero para chegar a iso hai que pasar por un chorreo difuso e constante, que molla aos poucos e está por todas partes. O 8M escampou, mesmo por riba de calquera expectativa. «O que sucede sobrepasounos. O de Vigo foi incrible, pero a min sorprendeume Vilagarcía, porque normalmente non participa tanta xente nas mobilizacións». O feito de que a concentración de Ravella se convertese nun acto festivo, sen perder por iso o seu contido reivindicativo, tivo moito que ver co labor e a presenza do Soño de Lilith. A agrupación feminista naceu en Vigo hai cinco anos, da man de Daisy Alcalde, para combater a desigualdade no eido universitario. Agora ten a súa sé na capital arousá e vanse movendo tamén cousas no Grove, en Sanxenxo, na Arousa...

Daisy non pode participar hoxe na conversa, pero a cambio cociñan con nós catro das súas compañeiras. Hai aquí mulleres que se dedican á economía, á arteterapia, ao traballo administrativo, á educación. Xente nova que deixou o sofá para poñer en práctica a súa solidariedade en lugares coma Katmandú, a capital do Nepal. Mulleres que xestionan proxectos de igualdade e inclusión. A mobilización feminista do 8M fixo daquel día unha xornada histórica. ¿Pero agora que? Atención á resposta, porque centra o debate onde ten que estar: «Esa pregunta habería que facerlla ao Goberno, que é o que ten que dicir que pasa agora e que medidas vai adoptar». É certo que, cando queren, Rajoy e o seu equipo premen o acelerador. Non tardaron en anunciar iniciativas logo do rotundo éxito que acadou a mobilización a prol dun sistema público de pensións dignas. Nisto, en troques, a cousa semella ir a modo. Será que o orballo é difícil de frear. «Penso que é importante que nos sumemos a reivindicacións coas que temos moitos puntos en común, e a dos pensionistas é un exemplo».

Aquí entra en xogo a importancia dos traballos non remunerados que por norma xeral caen nos ombros das mulleres. As responsabilidades no coidado das persoas maiores, dos nenos, das persoas que sofren algunha dependencia. «Pensade no que ocorrería sen as mulleres que fan todo ese labor, na meirande parte dos casos non recoñecido, como se dispararía a factura do Estado en garderías, en centros de día, o custe dunha dependencia na que, de xeito vergoñento, deixáronse sen executar 44 millóns de euros». Velaí o porque do mandil coma símbolo das manifestacións do 8M, como xeito de poñer o foco sobre tantas tarefas cotiás que a muller asume e son imprescindibles. «Un posicionamento individual para unha reivindicación colectiva. Dígoo -aquí hai unha mensaxe concreta- para quen afirman non sentirse identificadas cos mandís».

Desta reflexión á relegación da muller ao eido doméstico hai un só paso. Unha relegación que se acompaña de sentimentos de culpabilidade servidos por unha socialización que constrúe e distribúe roles dende a infancia máis tenra. ¿Non o cres? Imaxinemos unha escena. Un home e unha muller descansan tranquilamente no sofá. De súpeto, aparece unha desas pelotillas do deserto feitas de po que tanto abondan baixo as camas cando non se varre. ¿Quen pensas que se erguerá antes para recollela? Correcto, ela mesma. «Edúcasenos para iso, para sentirnos responsables en todo momento, pero ao igual que é lóxico que o home asuma unha corresponsabilidade na casa, tamén o é que unha aprenda a pasar. Se un día estamos cansas e non se fan as camas, ¿que vai suceder?». Nada. Aínda que deslear estes roles é complicado, hai canles para facelo. Unha delas, pero en absoluto a única, pasa pola educación formal, na aula. «Canto máis pequenas son as crianzas, mellor comprenden todo isto e mellor o razoan, detectan o machismo sen ningún problema, ao medrar cambian». Unha receita sinxela consiste en imaxinar unha situación calquera invertida, na que os papeis de homes e mulleres se intercambien. Un anuncio que amose un fulano lavando coches en tanga. «Se resulta ridículo, é machista».

Con tanta latricada, case non quedan liñas xa para falar da torta de cenoria, a crema de cabaza con cilantro e o biscoito que prepararon Rosa, Sol, Paz e Beatriz. Boa merendola acompañada por cervexa. Fóra segue a orballar, ¿que pensabas? Aínda que, se cadra, un pouco menos.