Dezasete oportunidades para mellorar o mundo

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA /LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Este é o alumnado de Igualdade do Castro Alobre; xente nova, pero con moitos argumentos que expoñer

08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os catro alumnos de Igualdade e Imaxe, unha das materias que se imparten no instituto Castro Alobre (Vilagarcía) non van facer a folga feminista de hoxe. «O obxectivo desa convocatoria é darlle visibilidade ás mulleres, intentar imaxinar como serían as cousas se elas faltan, se elas paran. Se nós paramos tamén, estariamos a dificultar esa visibilidade. Estaríamos a prexudicar o obxectivo que perseguen», explican estes rapaces. Eles son catro nun aula de dezasete, estudando unha materia á que todo o mundo chegou perseguindo «formarse coma persoas».

Está claro que as clases, dirixidas por Paloma García, dan os seus froitos. Abonda media hora de conversa para decatarse de que o alumnado ten reflexionado moito sobre o mundo no que se moven, e no que atopan moitas cousas contra as que rebelarse. E iso que só hai unha hora de clase á semana. No primeiro trimestre aproveitaron ese tempo para falar sobre as teorías de xénero e para empezar a esnaquizar os estereotipos que, por desgraza, seguen a funcionar na sociedade. Agora están descubrindo a historia do feminismo. E o último tramo do curso centrarano na análise das novas formas de entender a masculinidade, escachando de novo tópicos e cadeas. Sacan tempo, tamén, para debates e discusións sobre todo tipo de asuntos. «Do que se trata é de que busquen datos, de que os analicen, de que os contrasten e de que, finalmente, cada estudante saque as súas propias conclusións», sintetiza Paloma, a profesora. Aínda fan estes rapaces algo máis: desenvolven proxectos de difusión da igualdade entre os seus compañeiros. Cartaces, vídeos e deseños que se pretenden estender todo o aprendido ao resto do alumnado deste populoso instituto de Vilagarcía. E de aí, á rúa.

Paloma afirma que esta materia debería ter máis peso no horario escolar. Quen asiste ás súas clases son aínda máis rotundos. «Esta materia debería ser obrigatoria», apuntan por un lado. E debería consumir máis horas, sinalan polo outro, porque os comportamentos e actitudes machistas agroman por todos os lados. Incluso onde menos esperas que aparezan. No instituto, malia os esforzos que toda a comunidade educativa está a realizar, a desigualdade deslízase en comentarios e en chistes. «Son comportamentos moi arraigados, que saltan de forma inconsciente a maior parte das veces», sinala a clase. No grupo tamén descobren de cando en vez as pegadas do machismo. O alumnado recoñece que habelos, hainos, e que cando os detectan tentan erradicalos, correxilos. «Hai que traballar para ser mellor persoa», apuntan. Tamén tentan empregar unha lingua inclusiva, aínda que recoñecen que iso de mudar a maneira de falar custa moito traballo.

O poder das palabras

As palabras, recoñecen, son poderosas. Hai unha, «feminismo», que é capaz de xerar auténticas tormentas. «Sobre iso hai unha falla de información terrible. A xente pensa que o feminismo é o contrario do machismo, pero non é así. Feminismo é buscar a igualdade». Non todo o mundo o ten tan claro. Igual que non todo o mundo entende que estes rapaces escolleran para o seu currículo unha materia que, como escoitan de cando en vez, «non sirve para nada». Afortunadamente, ese tipo de comentarios non parecen afectar ao alumnado de Paloma. Aquí teñen claro que é o que non lles gusta do mundo. Unha das rapazas alza a voz para explicalo. O que non lle gusta é «non poder ter as mesmas oportunidades que un home». «E que, cando a pesar de todo consegues chegar, non se nos recoñeza como a eles». A mensaxe chega alta e clara, nas voces dun grupo formado por Marta, Uxía, Eire, Martín, Diego, Javi, Olalla, Ana, Carme, Haridian, Laura, Sara, Elliot, Lara, Adriana e Andrea. Son nomes de persoas dispostas a construír o futuro que teñen por diante para que sexa máis xusto e máis respectuoso do que é o presente. Nas súas, estamos en boas mans.

Cando detectan comportamentos machistas intentan modificalos e ser mellores persoas

Eles, hoxe, non van á folga. «Estariamos a prexudicar o obxectivo», din