Mari Paz Vilas gaña a Cyprus Women's Cup coa selección española

A arousá completou un notable torneo xogando a segunda metade da final con Italia


A selección española absoluta de fútbol feminino fíxose na tarde de hoxe co título da Cyprus Women’s Cup, impoñéndose 0-2 a Italia no AEK Arena Larnaca. Unha inxección de moral para as de Jorge Vilda, que conquistan unha das citas máis prestixiosas do balompé feminino mundial, e o segundo torneo internacional gañado na historia da selección. A dianteira vilagarciá do Valencia, Mari Paz Vilas Dono, participou nos catro encontros disputados polo combinado hispano en Chipre. Na final, os segundos 45 minutos, cumprindo o que se está a converter no seu habitual rol de relevo da madrileña Jénnifer Hermoso.

Un gol de Amanda Sampedro no arrinque da segunda metade (minuto 49) e outro de Patri Guijarro no treito final (minuto 83), ambos a saque de córner, puxeron a pólvora no campión, que tivo tamén na súa porteira, Lola Gallardo, outra das futbolistas determinantes na sucesión de Suíza no palmarés da Cyprus Women’s Cup.

España chegou á gran final logo de gañar dous dos seus tres partidos na fase de grupos, e de empatar o restante. E se o debú nun torneo destas características soe marcar profundamente o paso no resto do camiño, Mari Paz Vilas resultó parte determinante na vitoria por 0-2 do combinado de Jorge Vilda sobre Austria o 28 de febreiro. Consolidando no minuto 76 a modo de punto final cun tanto de nove de raza o que anotara Olga García no 31. Fíxoo pelexando un balón dentro da área, para rematar desde o chan. A arousá levaba no campo tan só 11 minutos, na que foi a súa primeira substitución de Jénnifer Hermoso en Chipre.

 

Gol no partido inaugural

A pichichi do Valencia xogaría dous días despois o partido completo ante Bélxica. Rozando o gol en varias ocasións. Pero a gardamallas rival, Odeurs, acertoulle as súas intencións no penalti forzado por Lucía García e executado sen éxito por Mari Paz; que nunha chilena volveu atopar as mans da porteira, desviando esta o coiro á trabe do marco en medio do acoso sen derribo do combinado español.

O pasado luns Mari Paz recuperou o seu rol de xogadora de refresco, empregada por Jorge Vilda para intensificar a presión adiantada e o traballo de recuperación fronte os equipos contrarios que identifica en primeiro termo o estilo de xogo da actual versión da selección hispana. Diante de Chequia xogou 16 minutos por Jénnifer Hermoso, reforzando a intensidade de España nada máis marcar Irene Paredes o 1-0, con Alexia Putellas pechando o 2-0 final no 90.

A tendencia, e o bo papel de Mari Paz en Chipre, fan pensar que Vilda seguirá contando con ela o resto da fase de clasificación para o Mundial de Francia. Líder do Grupo 7 con nove puntos, España visitará a Finlandia, segunda con sete, o 6 de abril, e catro días máis tarde a Austria, terceira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Mari Paz Vilas gaña a Cyprus Women's Cup coa selección española