Mari Paz Vilas xogará a Cyprus Cup coa selección española

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Fútbol A dianteira vilagarciá concentraráse o domingo co combinado de Vilda, con Austria, Bélxica e Chequia coma rivais por un posto na final

21 feb 2018 . Actualizado a las 14:07 h.

Mari Paz Vilas Dono segue a ser unha das fixas nos plans do seleccionador nacional absoluto feminino. Jorge Vilda incluíu a dianteira vilagarciá do Valencia Féminas na lista de 24 xogadoras coas que o combinado hispano disputará, do 28 de febreiro ao 7 de marzo, a Cyprus Cup. Un dos torneos da súa modalidade máis prestixiosos a nivel mundial, que reunirá en Chipre a unha ducia de equipos nacionais, na súa maioría de Europa, pero tamén de América e de África.

Nunha convocatoria co F.C. Barcelona proporcionando case a metade das futbolistas, cun total de dez, Mari Paz Vilas e o resto das mulleres de confianza de Jorge Vilda concentraránse este domingo ás 20 horas nun hotel de Barajas, para partir ao día seguinte cara a Chipre. Encadrada no Grupo B, España debutará fronte a Austria o mércores 28 de febreiro ás 18 horas, horario que repetirá nos seus outros dous partidos da fase de grupos, fronte a Bélxica o venres 2 de marzo, e coa República Checa o luns 5. Finlandia, Italia, Suíza e Gales, no Grupo A, e Hungría, Eslovaquia, Sudáfrica e Trinidad e Tobago, no C, completan o cartel da Cyprus Cup, sen dúbida unha excelente pedra de toque no medio da fase de clasificación para o Mundial, no que é o segundo torneo internacional hispano, europeos e mundiais á marxe, tras gañar a Copa do Algarve en marzo do 2017.

A presenza de Mari Paz Vilas nunha cita deste nivel é unha mostra máis da confianza que Jorge Vilda mantén na punta arousá desde a súa chegada ao banquiño da selección española absoluta en substitución dun Ignacio Quereda que había anos que non contaba coa galega. Unha confianza, a do seleccionador español, que Mari Paz leva gañando ao longo da súa traxectoria co seu traballo diario na Primeira División, na que leva moitos anos fixa nos postos de cabeceira da clasificación de máximas goleadoras. Unha táboa na que hoxe figura como mellor artilleira española con 15 goles, e segunda total tan só por detrás da dianteira mexicana do Levante Charlyn.