O Arousa é o mellor equipo do momento na Liga de Terceira

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Asina unha ducia de xornadas sen perder, reenganchándose á pelexa pola fase de ascenso tras recurtar en cinco semanas de 9 a 2 os puntos que o separan do cuarto posto

20 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa arrincaba a semana pasada coma o equipo máis regular dos tres últimos meses na Liga do grupo galego da Terceira División tras o líder, Compostela. A vitoria arlequinada pola mínima o pasado domingo no derbi da Senra, cun 0-1 sobre o C.D. Ribadumia, e a primeira derrota do conxunto santiagués desde mediados de outubro, co Bergantiños probándose alternativa real á tiranía capitalina co seu 0-1 en San Lázaro, fan do plantel dirixido por Jorge Otero o equipo máis en forma do campionato resultados en man.

Seis vitorias e outros tantos empates converten o Arousa no único conxunto da categoría quen de encadear hoxe unha serie tan longa en positivo. Con 24 dos últimos 36 puntos en xogo subindo ao seu casilleiro. Unha traxectoria que colleu velocidade nas cinco últimas xornadas, nas que o colectivo vilagarcián rozou o pleno, gañando catro dos seus encontros, 1-2 ao Vilalonga, 4-0 ao Arenteiro, 2-1 ante o Silva e o derbi do pasado domingo; o Choco, en Redondela, foi o único que lle restou dous puntos cun 1-1. Con esta última serie o Arousa foi quen de reducir de 9 a 2 os puntos que o separaban do cuarto clasificado na xornada 21, cando un empate na Lomba ante o Negreira o enviaba á décima praza da clasificación con 32 puntos, polos 41 do C.D. Barco. Hoxe o cadro ourensán é terceiro con 53, co Alondras cuarto cos mesmos 47 có Somozas, quinto, seguidos do Racing Vilalbés, con 46, e polo Arousa, con 45.

A medio camiño pechábase o mercado da Terceira sen que o cadro da Lomba fose quen de facerse cun só reforzo, deixando o primeiro plantel en tan só 17 efectivos; deles dous porteiros, con Roberto Pazos con mes e medio de baixa pola rotura dun dedo e inda hoxe con dúas semanas de recuperación por diante.

O coordinador deportivo do Arousa, Eduardo Carregal, atribúe o relanzamento do equipo na loita pola promoción de ascenso á reacción do plantel tras o toque de atención a raíz da pésima imaxe ofrecida na primeira volta ante o Ribadumia na Lomba, e ao paso adiante de tantos xogadores importantes coma Manu Justo, Sergio Santos, ou Anxo.