O Triatlón Vilagarcía participa na creación da primeira liga galega por equipos da disciplina

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A Súper Liga de Clubs Be One reúne os duatlóns de Vedra e de Santiago, os triatlóns da capital arousá e de Narón, e o acuatlón de Cedeira

08 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 17 de febreiro o Campionato Galego de Duatlón Contrarreloxio por Equipos dará en Vedra o inicio en paralelo á primeira edición da Súper Liga Be One. Unha iniciativa impulsada polo club organizador da cita coruñesa, o Olímpico de Vedra, polo Arcade Inforhouse, polo Club Triatlón Vilagarcía, polo TriNáutico Narón e mais polo Natación Cedeira Muebles García. Os catro últimos, sumando cadansúa proba como organizadores do Duatlón Cidade de Santiago (3 de marzo), do Campionato Galego de Triatlón Contrarreloxio por Equipos (13 de maio en Vilagarcía), do Triatlón Trishark (11 de agosto) e do Gran Final Acuatlón (25 e 26 de agosto). As cinco grandes citas por equipos da comunidade autónoma das diferentes modalidades baixo o paraugas da Federación Galega de Triatlón, que pasan a conformar a primeira liga autonómica da disciplina que combina a auga, bici e carreira a pé.

As cinco probas manterán o seu reparto de premios e podios singulares tamén entre os equipos que decidan participar só nunha ou en varias delas sen se apuntar na Súper Liga Be One. Aqueles clubs que decidan anotarse nesta última, aberta a quen desexe competir máis aló dos seus organizadores, optarán, ademais de ao prestixio deportivo do seu primeiro palmarés, aos premios económicos específicos para as mellores escadras da Liga.

«A idea é arrincar, e que o ano que vén participen máis clubs con máis probas», explica Moncho Baliñas, tesoreiro dun Club Triatlón Vilagarcía encantando de contribuír a promocionar as carreiras por equipos. No caso arousán, co Campionato Galego de Triatlón Contrarreloxio que por segundo ano organizará conxuntamente coa Fundación de Deportes de Vilagarcía.

Xurdida das inquedanzas dos cincos clubs fundadores, cun último empurrón o pasado mes de novembro nunha xuntanza en Santiago, a proposta da Súper Liga Be One foi trasladada á Federación Galega de Triatlón, á que se lle solicitou autorización para a súa posta en marcha. A intención dos seus promotores é conseguir no futuro que o que hoxe é un experimento adquira pronto a condición de competición oficial.

A día de onte eran máis de 20 os equipos masculinos e case unha decena femininos que na súa inscrición no Campionato Galego de Duatlón Contrarreloxio por Equipos de Vedra engadiron a pestana da Súper Liga Be One. Os que non se decidiran poderán empezar a sumar puntos para o circuito a partir do duatlón de Santiago.