O líder non lle deu opción ao Cocinas Bulthaup

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Cambados T.M. aproveitou as baixas do Pontevedra para gañar 0-6

06 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cara e cruz para os dous equipos de cabeceira do tenis de mesa arousán. Co Vilagarcía Cocinas Bulthaup caendo con contudencia a mans do líder da Superdivisión, o DKV Borges, mentres o seu veciño Cambados T.M. daba a sorpresa desbancando, que non relevando, o Visit Pontevedra do primeiro posto do Grupo 1 da División de Honra.

Por 0-4 caeu o Vilagarcía Cocinas Bulthaup no paso pola rúa Castelao do DKV Borges. Un resultado que cobra toda a súa dimensión cando miramos o detalle, e vemos os doce xogos a un detrás do marcador final. Co ucraíno Sergei Nigeruk asinando o xogo da honra arousán no primeiro duelo do encontro, ante Fan Chuangwei, con 11-9, 11-13, 11-5 e 11-4. Despois virían as vitorias catalanas de Oriol Monzo sobre Andrés Guillermo Correa, 11-6, 11-8 e 11-7, de Marc Duran ante Ramón Tubío Villanueva, 11-2, 11-2 e 11-5, e novamente de Fan Chuangwei con Andrés Guillermo Correa diante, 11-7, 11-6 e 11-3.

Tras o seu pinchazo, o Vilagarcía Cocinas Bulthaup ve situarse o San Sebastián de los Reyes a dous puntos, co cadro arousán sexto ocupando o último posto de acceso a competición europea a vindeira tempada, empatado a 14 puntos co A.D. Vincios.

Pola súa banda, o Cambados T.M. soubo sacar proveito das ausencias dos dous xogadores arxentinos do Visit Pontevedra para gañar 0-6, cun global de 18 xogos a 4. José Manuel Ruíz superou 3-1 a Ignacio Fernández, Fernando Padín 3-1 a Cristofer Santiago, Rafael Taboada 3-0 a Brais González, Ruíz 3-1 a Santiago, Taboada 3-1 a Fernández, e Padín 3-0 a González.

Con este marcador o Cambados T.M. colócase cuarto na clasificación con 16 puntos, a tiro de catro do A.D. Collado Mediano, que pecha no terceiro posto a zona con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso á Superdivisión a falta de nove xornadas para a conclusión da Liga.