O Arousa e Iago Beceiro separan oficialmente os seus camiños

Fútbol O club fala de «un acuerdo de las dos partes», no seu último xesto cara un xogador que deberá buscar outra vez un novo destino no que refacer a súa carreira


vilagarcía / la voz

«El Arousa le concede la baja a su jugador Iago Beceiro al llegar a un acuerdo las dos partes. Desde el club le deseamos el mejor de los éxitos personales y deportivos en su nueva andadura deportiva». Ás 11.53 horas de onte o club arlequinado emitía este comunicado público no que confirmaba o agardado tras catro días sen noticias de Iago Beceiro, e despois de convocar o xogador sen éxito a dúas xuntanzas a última hora da tarde do martes e do mércores. Un comunicado breve, no que o Arousa semella querer ter un último xesto cun futbolista que nestes momentos semella ter preocupacións moito maiores na súa vida cás que atinxen á inconsistente carreira deportiva de quen ía para dianteiro de Primeira División.

Así, desde A Lomba eludiron onte falar dun despedimento, para presentar a saída do atacante coruñés como unha solución consensuada. Preguntado ao respecto, o voceiro da comisión deportiva do Arousa, Eduardo Carregal, declaraba onte que «nós tiñamos que tomar unha decisión», e «non podiamos tomar outra». Pero salienta que, se ben «non se fala con Iago», que segue sen comunicarse co Arousa, «eu comenteillo -a decisión da comisión deportiva adoptada a primeira hora da noite do mércores- ao seu pai, e o pai dixo ‘Evidentemente. ¡Que ides facer! ¡Que ides facer!’» en referencia á resolución do asunto.

O proxenitor de Beceiro manifestoulle á directiva do Arousa que «quería traer a Iago a Vilagarcía, pero que non se sinte con forzas», comenta Carregal, quen confía en que «cando se vexa un pouco mellor virá por aquí a recoller a súa roupa» do piso que compartía con Sidibé e con Seva. «O máis importante agora é que o rapaz se recupere», sentencia.

Reforzar o plantel, unha urxencia

«Hai que tentar incorporar dous futbolistas para a esquerda», un defensa e un dianteiro «se pode ser zurdo, mellor», sinalaba onte Jorge Otero tras pecharse o caso Iago Beceiro. Urxencias nas que Eduardo Carregal se puxo a traballar arreo. Pero nin ao Arousa lle será doado conseguir o que busca. «Falei con representantes de dous xogadores, un de fóra, nivel Segunda División B, inaccesible; o outro galego, pero ten moitas ofertas, algunhas de superior categoría», informa Carregal.

Mentres, o Arousa prepara o seu derbi deste domingo no Novo San Pedro con só 16 efectivos no primeiro plantel, o lesionado Roberto Pazos á marxe, máis o interior dereito xuvenil Carlos Torrado, desde o inicio da tempada un máis no traballo diario do primeiro equipo arlequinado. Dada a situación en precario na que se manexa o Arousa despois das cesións de Aarón e de Nacho, e das baixas de Suso e de Iago Beceiro, Jorge Otero está a contar con outros 2-3 xogadores xuvenís nas súas sesións de traballo. O mércores, cos dianteiros de segunda liña Guille e Jorge.

Un Vilalonga sen Aarón Paredes nin Alberto chegará ao derbi sen os dous reforzos pretendidos

Penúltimo clasificado con 15 puntos, o Vilalonga teno cada vez máis difícil para saír do pozo e salvar a categoría. Consciente da situación, a directiva celeste atendeu á solicitude do adestrador do seu primeiro plantel, César Sánchez, abrindo a man para poder incoporar dous reforzos no treito final do mercado de inverno que se sumen aos 18 escasos efectivos manexados no vestiario do Novo San Pedro.

César Sánchez declarábase onte optimista sobre a chegada do par de xogadores en cuestión. Mais daba practicamente por imposible poder pechar ningunha das dúas operacións a tempo de sumar argumentos este domingo ante a visita do veciño Arousa. Un moi esixente compromiso para o que o adestrador do Vilalonga non pode contar tampouco con dous dos seus titulares. O lateral esquerdo Alberto Rey, por acumulación de amonestacións, e o pichichi do equipo, Aarón Paredes, expulsado o pasado domingo.

Carregal e Otero atribúen a crise do coruñés á súa ansiedade polas expectativas nel

«Iago estaba moi ansioso. Viña ao Arousa cunhas expectativas, coma un xogador que podía marcar as diferenzas nalgo no que tiñamos défice, o gol. Para iso fichamos a dous xogadores, a Javi Pazos e mais a el. Debía de sentir que non estaba a dar a talla». Pechado o caso Beceiro, esta é a diagnose de Eduardo Carregal do problema que acabou desembocando na volta do dianteiro coruñés a un comportamento que no seu día puxo fin á súa prometedora carreira na canteira do Deportivo B, con debú no primeiro plantel incluído, e que con tan só 24 anos explica o seu xa longo historial de equipos, en Ucrania e na Segunda B e na Terceira españolas, sen continuidade en ningún deles.

Da mesma opinión que Carregal é o xa exadestrador de Iago Beceiro, Jorge Otero. Separados xa os camiños do dianteiro e do Arousa, o técnico arlequinado referíuse ao asunto dicindo que «se trata dun futbolista ao que ao final lle custou un pouco. Víuse demasiado presionado. As cousas non lle saíron como agardaba. Contaba con marcar goles», e abandona o equipo con tan só un. Otero víu a Iago Beceiro «por momentos demasiado ansioso». Sobre a súa marcha, conta que «é un contratempo. Pero no mundo do fútbol estas situacións hai que afrontalas».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa e Iago Beceiro separan oficialmente os seus camiños