O BNG denuncia que usar a AP-9 para ir de Arousa a Vigo costará 250 euros ao mes dende xaneiro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Os nacionalistas levará ao Parlamento, outra vez, a petición de transferencia da autoestrada

02 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Isto é un atraco a man armada e unha mostra do que a submisión do Goberno do PP na Xunta está a provocar para os cidadáns galegos e para Galiza coma país». As palabras corresponden á deputada do BNG, Montserrat Prado, quen onte denunciou dende Vilagarcía os efectos do incremento das peaxes que Audasa, a empresa concesionaria da AP-9, aplicará a partir de xaneiro. Un 3,1 % que, segundo os cálculos dos nacionalistas, farán que percorrer a autoestrada para ir e vir de Arousa a Vigo a diario -algo que fan non poucos traballadores, autónomos e transportistas- pase a custar 250 euros mensuais. E que a viaxe de A Coruña a Vigo custe 31,4 euros, máis que desprazarse a Madrid.

O Bloque volverá á carga sobre esta cuestión a vindeira semana, no Parlamento de Galicia, instando novamente a transferencia da autoestrada á comunidade e requirindo do Goberno encabezado por Núñez Feijoo que se plante e esixa a retirada deste aumento. Para colmo de males, subliña Prado, o Congreso vetou reiteradamente o debate dunha petición que aprobaran de xeito unánime as forzas parlamentarias galegas. «Intolerable, nunha Mesa do Congreso na que sentan o PP, o PSOE, Cidadáns e Podemos», denunciou a deputada.

Diante desta situación, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, vén de anunciar un recurso de amparo. En todos os concellos haberá mocións neste senso. E Montse Prado, que aproveitou a ocasión para pedir unha masiva participación na andaina de mañá pola sanidade, invitou tamén a reflexionar sobre o feito de que Audasa leve un beneficio de 900 millóns.