Mari Paz Vilas participa no treito final da goleada de España a Austria

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Juan Catalán

Entrou no terreo de xogo no minuto 86 con todo decidido en substitución da xogadora local Virginia Torrecilla

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Inédita no primeiro dos dous partidos da fase de clasificación para a Copa do Mundo Feminina de Francia 2019 disputados entre o pasado venres, con triunfo hispano en Belgrado fronte a Serbia, 1-2, e o martes da presente semana, a vilagarciá Mari Paz Vilas participou na goleada que España lle endosou a Austria no estadio mallorquín de Son Moix: 4-0. Certo é, dunha forma testemuñal. Entrando no terreo de xogo no minuto 86 con todo decidido en substitución da xogadora local Virginia Torrecilla, despedida en loor de multitudes polos seus paisanos, que celebraron con ansia o tanto co que pechaba a conta do combinado local no minuto 56.

Líder do Grupo 7 da fase de clasificación para a Copa do Mundo con pleno de triunfos, tres, España, e Mari Paz a nivel internacional, pechan cun sorriso un ano agridoce pola frouxa Eurocopa asinada polas de Jorge Vilda. España retomará a fase de clasificación mundialista o vindeiro 6 de abril, en Finlandia, visitando catro días despois a Austria. En ambas citas confía estar Mari Paz.