Os versos de Don Aquilino reverdecen

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

No frío da posguerra, a capital arousá viu como un poeta se arriscaba a escribir en galego e un editor a publicar aquelas palabras prohibidas

28 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Don Aquilino Iglesia chegou a Vilagarcía en 1933, tres anos antes de que a Guerra Civil viñera tinguir de sangue a nosa historia. O home, natural das terras de Lugo, viñera ata a beira do mar para incorporarse, como mestre, ao colexio Luis XIII, do que chegou a ser director. Cando en 1949 decidiu cambiar de aires, Don Aquilino xa fixera historia da literatura galega e xa colocara a capital arousá no mapa dos lugares importantes para as nosas letras. Porque foi aquí, moi preto dos xardíns de Ravella, onde no ano 1947 se publicou «Cómaros verdes», o primeiro poemario escrito en galego despois da vil guerra.

Cúmprense, polo tanto 70 anos aquela publicación cargada de simbolismo e de valor. Un aniversario que paga a pena celebrar, e niso anda o Concello de Vilagarcía, que onte presentou un programa de actos que se desenvolverá mañá mércores, durante a xornada completa, no Salón García. É unha homenaxe, «modesta pero xusta», en palabras da concelleira de Cultura Sonia Outón, que onte elexíu o salón nobre do Concello de Vilagarcía para dar conta dos actos que están por chegar.

Reflexións

Así que mañá, pola mañá, reflexionarase no Salón García sobre o rol xogado por «Cómaros verdes» na historia da cultura galega. Xosé Manuel Dasilva , profesor da universidade de Vigo e vilagarcíán orgulloso, reflexionará sobre «o libro prohibido», unha obra en galego que logrou agromar malia o frío -tinguido de terror- da posguerra. Henrique Monteagudo (USC) e Xesús Alonso Montero completarán o tecido do contexto lingüístico e cultural no que saíu ao prelo este libro.

Seguimos. Pola tarde, a partir das cinco, tres novos poñentes tomarán a palabra no Salón García para intentar debuxar a relación de Aquilino Iglesia con Vilagarcía, a vila que o acolleu durante tantos anos da súa vida, e na que coincidiu con Severino González, un garda municipal de Lugo que fora represariado e que, despois de instalarse en Vilagarcía, decidiu retar ao perigo e converteuse en editor nun tempo no que poñer por escrito sentimentos e ideas podía levar a un á morte. Severino González, que debía de ter carácter rebelde fundou a imprenta, librería, papelería Celta, que foi o lugar no que «Cómaros verdes» deu o salto ás letras de molde.

O contexto

Para reconstruir a historia daquela Vilagarcía, na que a cultura se resistía a seres amputada polo fascismo, estarán no Salón García Armando Requeixo (Centro Ramón Piñeiro), Luciano Rodríguez (Universidade da Coruña) e Patricia Arias Chacero, profesora do IES Fermín Bouza Brey e boa coñecedora da figura de Don Fermín e Don Severino. Dúas personaxes que, co paso do tempo, foron desdebuxándose pero que agora volven a ser actualidade. A reverdecer.