O Vilagarcía TM sela media permanencia na Superdivisión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Cun 4-2 sobre un vixente campión vido a menos, o UCAM Cartagena, o equipo suma a súa terceira vitoria na Liga

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Laiábase o pasado venres o adestrador do Vilagarcía Tenis de Mesa, Antonio Castro, da broma que o destino lle quixo gastar ao novato na Superdivisión durante a pretempada. Sen poder imaxinar entón o que acontecería cun UCAM Cartagena TM descapitalizado o pasado verán, o responsable do club arousán decidía non incluír os compromisos co vixente campión da máxima categoría española nos contratos por partidos coas dúas fichaxes estrela do Vilagarcía TM, os internacionais por Chequia e por Bélxica Michael Obeslo e Jean Lauric. Unha cuestión de sentido común no momento da toma de decisión ameazaba o pasado domingo con deixar fuxir a transformada excelente ocasión de sumar unha das seis vitorias nas que Castro cifra a consecución da permanencia na Superdivisión. Mais sen Obeslo nin Lauric, co adestrador do cadro galego visualizando de partida un empate, o trío formado por Sergei Nigeruk, polo luso Jorge Costa e por Ramón Mampel dáballe na mañá do pasado domingo o seu terceiro triunfo da tempada ao Vilagarcía TM. E con el, se os cálculos non lle fallan ao seu técnico, media permanencia na elite.

Por 4-2 se impuxo o equipo arousán no pavillón da rúa Castelao para ledicia do seu entregado público. Con Sergei Nigeruk dobregando con contundencia o número 3 do UCAM Cartagena, Javier Valero, no primeiro emparellamento cun 11-5, 11-4 e 11-6.

A mesma claridade permitíulle a Miguel Ángel Vílchez superar a Jorge Costa para subir o 1-1, dando paso ao choque que comezaría a decantar o enfrontamento do bando arousán. Ramón Mampel, que voltou demostrar o seu grande estado de forma, vencía en cinco xogos a José Antonio Montalbán: 9-11, 11-7, 12-10, 8-11 e 11-6. Sergei pelexou o terceiro punto para os locais, para acabar cedendo o seu quinto xogo fronte a Vílchez por 9-11.

Con 2-2 no global, Ramón Mampel asegurou o empate superando en tres xogos a Valero. Idéntico parcial co que Jorge Costa dobregou a Montalbán no 4-2 definitivo.

Con este marcador, o Vilagarcía TM escala á sexta praza -de doce equipos- na clasificación da Liga da Superdivisión, cun balance de 3-4, con dúas vitorias de colchón sobre o UCAM Cartagena e con tres respecto ao C.T.T. Mediterráneo-Valencia, os rivais que ocupan a zona de descenso.

Triunfo do Cambados TM

Na mesma liña, o Cambados TM superou na División de Honra 4-2 o C.D. Tenis de Mesa Rivas. Con Rafael Taboada e con José Manuel Ruíz endosándolles un 3-0 a Álvaro Valera a e José Manuel Pozuelo, e con Taboada e con Fernando Padín gañándolles respectivamente a Pozuelo, 3-0, e Valera, 3-2, o terceiro e o cuarto duelos.