Os «Asuntos pendentes» de Juan Carballo

O poeta subirase ao escenario do Salón García acompañado de Pedro Falcón, Álvaro Cardalda e outros amigos

.

Nestes tempos complexos e convulsos, un pouco de poesía pode facernos ben. E se os versos veñen tecidos con música, moito mellor. Esa é a proposta que fan o escritor Juan Carballo, o pianista Álvaro Cardalda e Pedro Falcón á guitarra, os tres pés do espectáculo que o vindeiro sábado, ás nove da noite se presenta no Salón García. Alí vai ver a luz, por vez primeira, «Asuntos pendentes», a versión para teatros e salas do libro disco que leva o mesmo título e que firman o poeta Carballo e Manolo Tarancón.

Comenta o poeta vilagarcían que os versos «non fan rico a ninguén». Non lle falta razón. A poesía nin enche petos nin paga facturas, pero permite pequenos luxos, grandes gozos. Como, por exemplo, estrear o traballo propio no pequeno teatro da vila na que naciches. «Eu son de Vilagarcía, síntome querido en Vilagarcía, e non contemplo estrear nada fóra do meu pobo», aseguraba o home das verbas. Nese pase inaugural, sobre o escenario estarán Falcón e Cardalda, que canda el percorrerán varios puntos da península resolvendo eses «Asuntos pendentes» dos que fala o título do espectáculo. Canda eles estarán outros artistas moi vinculados á escena arousá: Ysied Ysied, Miguel Eyré ou Ramón Núñez. Durante a súa viaxe por eses camiños que os levarán a Vigo, a Madrid, a Porto, e alá onde os queiran escoitar, os tres artistas buscarán a complicidade de amigos que se animen a participar con eles dun acto que pretende demostrar que a poesía non é un monótono ruído, como o da choiva nos cristais.

As entradas que permitirán ser testemuña da estrea desta proposta cultural xa están á venda en Duende e nos locais Churruca, La Bolsa e Miúdo. Os que non se decidan ata última hora poderán mercalas, o mesmo día do espectáculo na billeteira do Salón García.

A concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, amosaba onte o seu orgullo por ser Vilagarcía a vila elixida para o inicio do camiño dos «Asuntos Pendentes», onde o talento vilagarcían agroma en cada verso, en cada acorde.

Votación
4 votos
Comentarios

Os «Asuntos pendentes» de Juan Carballo