O crac do Liceo Casino enriqueceu o resto da vela galega no último lustro

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Regatistas e técnicos que situaron a Vilagarcía entre a elite nacional do seu deporte déronlle un pulo a clubs como o R.C.N. Sanxenxo, e dirixen o Centro Galego do ramo

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A vela en Galicia beneficiouse da desaparición da sección do Liceo Casino». Dío Bruno Gago, desde o 2015 director técnico da Federación Galega de Vela, e director do Centro Galego de Vela con sede na zona portuaria do Cavadelo, en Vilagarcía. Unha afirmación directa, que non debe levar a equívocos. O resto da vela galega beneficiouse na súa condición de refuxio de tantos profesionais cualificados que ao longo de dúas décadas se foran formando e madurando na estrutura da entidade vilagarciá; primeiro coma regatistas, despois coma adestradores, responsables técnicos, xestores ou xuíces, obrigados a buscar acomodo porque o barco liceísta afundía sen capitán que o evitase.

Membro da xeración que se iniciou na vela a finais dos 90 no Liceo Marítimo, con compañeiros coma Sandra González, Hugo Fernández, Ero Pons ou Bernardo Paz, Gago non quere entrar a «valorar se a xestión nos últimos anos do Liceo foi boa ou mala», para exclamar que a nova esta semana da desaparición definitiva da sección liceísta «provócame unha tristura tremenda. Que unha potencia da vela non só autonómica, senón nacional como era Vilagarcía desaparecese». Deixando un legado do que se están a alimentar moitos clubs de Galicia.

Bernardo Paz coincide na apreciación. En menos dun lustro, o Real Club Náutico de Sanxenxo converteuse nunha das entidades punteiras da Comunidade na vela lixeira, con Bernardo Paz dirixindo a súa estratexia de crecemento coma director deportivo nos últimos dous anos -leva tres de técnico do club-, potenciando a súa estrutura con outros catro exliceístas cos que está a impulsar as clases Optimist, con Anxo Ríos ao seu carón, Laser, da que se ocupa Esteban Gañete, e 420, con Adrián Domínguez e Marcos Castro á fronte. Na Optimist o R.C.N. Sanxenxo álzase hoxe coma gran dominador galego, mentres que a 420, con catro regatistas arousáns, é unha aposta que vén do 2016, con afán de contar en poucos anos con varios deportistas en clases olímpicas nun club dedicado tradicionalmente aos barcos de cruceiro.

Hugo Fernández leva dous meses coordinando a sección de vela do R.C.N. Rodeira de Cangas tras un notable labor coma técnico de 420 no R.C.N. Vigo, Ero Pons, integrante do breve equipo preolímpico do Liceo na clase Finn, foi director técnico do R.C.M. Aguete e hoxe é solicitado coma adestrador específico para multitude de clases por clubs de toda Galicia. E así, un longo etcétera de exliceístas.

Sobre a iniciativa de Antón Paz de recuperar a vela de competición na capital arousá reactivando o antigo Club Náutico Vilagarcía, Bruno Gago compromete o seu apoio: «É algo que nos corresponde aos amantes da vela que saímos do Liceo». Bernardo Paz dise disposto a botar tamén unha man no que llo permita a súa ocupación actual, pero entende que o éxito da proposta do seu curmán «dependerá de se as institucións públicas se involucran ou non».

«Es lamentable. Que todo lo que se había levantado durante tantos años, en un deporte tan laureado en Vilagarcía, desapareciera. Como todo en la vida, son malas gestiones», opina Hugo Fernández do peche da sección liceísta. Por iso, «si me llaman para echar una mano, tendrán mi ayuda», en referencia ao proxecto de Antón. Que este parta de 0 no capítulo de infraestruturas é, na súa opinión, un problema relativo: «Para sacar adelante un club lo importante es tener gente competente, formada, con experiencia, y gente con buenos contactos». E diso a armada de exliceístas vai sobrada.

O Concello aplaude a iniciativa de Antón Paz e ofrécelle a súa axuda, e o Porto agarda polo proxecto

Un día despois da confirmación do punto final da vela no Liceo Casino, coa venda a unha empresa viguesa de xestión de escolas de vela do material deportivo almacenado nas parcelas alugadas no peirao de Pasaxeiros, Antón Paz anunciaba o mércores a súa intención e a de varios antigos compañeiros nos anos de gloria liceísta de reactivar o Club Náutico Vilagarcía para recuperar a formación e a vela de competición na capital arousá logo de cinco anos estériles. Facíao o campión olímpico poñendo por diante que para o éxito da empresa eran precisos o apoio activo de pais de novos regatistas, pero tamén o respaldo indispensable do Concello e da Autoridade Portuaria. La Voz preguntoulles onte a ambas institucións públicas pola cuestión.

Xa inscrito na Fundación

Desde o Concello o goberno local manifestaba onte que «aplaudimos la iniciativa de Antón de recuperar el Club Náutico Vilagarcía con el objetivo de promover y fomentar el deporte de la vela, una excelente noticia, sobre todo tras la desaparición de la sección del Liceo, que dejó un importante vacío en un deporte que cuenta en Vilagarcía con una gran tradición». Dito isto, en Ravella engaden que «el Concello colaborará con este club en todo lo posible, como lo hace con los demás clubes del municipio y como ya se habló hace meses con Paz». De feito, desvela o goberno local, «el primer paso ya lo ha dado el C.N.V., inscribiéndose en el registro de clubes de la Fundación Municipal de Deportes, primer requisito para acceder a sus subvenciones».

Pola súa parte, a Autoridade Portuaria informa de que Paz «ha contactado con nosotros para informarnos de que está trabajando con intención de recuperar la vela en Vilagarcía. En cuanto su proyecto tenga un poco más de forma, nos lo presentará para valorarlo».