Antón Paz encabeza un proxecto para recuperar a vela en Vilagarcía

Co campión olímpico á fronte, exregatistas do Liceo Casino comezan traballar nun novo club coa vella marca do C.N.V. O apoio do Porto e do Concello será, din, imprescindible


vilagarcía / la voz

«Vilagarcía ten que ter un club de vela lixeira». Expirado o derradeiro alento dunha sección de vela do Liceo Casino que levaba camiño do lustro sen actividade cerebral, Antón Paz, o último campión olímpico da clase Tornado, e o máximo expoñente da outrora fértil canteira liceísta, alimenta a esperanza de quenes lían onte o punto final a medio século de vela de competición asociada ao peirao de Pasaxeiros, logo da venda do material deportivo da sociedade recreativa vilagarciá a unha firma dedicada á xestión de escolas de formación. Un grupo de exregatistas do Liceo Casino, con Paz á cabeza, comezaron traballar na activación dun novo club de competición na capital arousá, a través da recuperación do Club Náutico Vilagarcía, de breve historia entre 1995 e 1997. «Vilagarcía ten que ter un club de vela lixeira. Porque temos unhas condicións únicas para a súa prácica, e porque debemos proporcionarlles unha saída á nosa ría aos nosos fillos», declara quen, xunto co pontevedrés Fernando Echavarri, conquistaba nos Xogos de Pekín 2008 o primeiro título olímpico para Galicia no seu deporte.

«É unha pena. Unha pena. Como estamos, e de onde vimos», afirma Antón ao recordar a condición de referente galego, e en vías de selo a nivel nacional, da vela do Liceo Casino ata que o relevo do seu pai Álvaro por Alfonso Saavedra comezou cambiar o rumbo. «A nova directiva non apostou pola náutica. A anterior directiva pensaba que apostar pola náutica era a única saída para a sociedade; ter unha lámina de auga para poder contar cunha nova sede como única maneira de que o Liceo crecera en socios».

Antón seguíu en segundo plano a degradación da sección de vela liceísta. Pero mesmo cando os últimos canteiráns abandonaban o club hai xa camiño dun lustro, «estando a sección oficialmente en funcionamento, non era de recibo facerlle unha competencia», di o ouro olímpico, que xa levaba tempo falando do asunto con excompañeiros no Liceo. Rematado o enterro, e toda vez que «o Centro Galego de Vela é unha instalación da Federación Galega, pensada para todos os clubs de Galicia e para a tecnificación», sinala Paz, agora «queda un oco» que tentará axudar a encher xunto con nomes como os de Bruno Gago, director técnico da FGV e director do Centro Galego de Vela, Ero Pons, Esteban Gañete, Loli Camba ou César Conde. Compañeiros nun pasado ben recente inda nun platú 25 campión do mundo, ou no efémero equipo de clases olímpicas liceísta dirixido polo propio Antón, ou na estrutura deportiva do club vilagarcián. Todos eles «compartimos a mesma inquedanza», comenta quen lles serve de voceiro. Mais son conscientes da dificultade da empresa de montar un novo club, ao «ter que arrincar de cero». Sen material, sen instalacións, e sen deportistas.

Respecto a este último capítulo, Antón salienta que «agora hai rapaces de Vilagarcía que navegan polo R.C.N. Sanxenxo e por outros clubs»; alomenos unha decena. Sobre os recursos físicos, o campión olímpico deixa claro que a iniciativa só poderá saír adiante «co apoio total por parte da Autoridade Portuaria e do Concello».

A maiores, o regatista expón que, para ter éxito, o novo proxecto precisa doutra pata para sosterse no tempo: «Que como cando eu comecei de neno, haxa un grupo de pais activos que queiran que os seus fillos naveguen aquí, e que se involucren en facer funcionar o club». Para ser precisos, o Club Náutico Vilagarcía, aquel invento de 1995 dun grupo de pais disconformes coa directiva do Club de Mar, o de Antón entre eles, para que os seus fillos competisen ata a creación da sección de vela do Liceo en 1997. Antón é hoxe o presidente do C.N.V., desde a súa reactivación na primavera do 2016 para darlles cobertura federativa a unha decena de veteráns exregatistas do Liceo, el entre eles.

Decimoquinto no Mundial da Clase A, inminente viaxe a Xapón, e un 2018 por definir

Antón Paz leva dous meses de volta en Vilagarcía, tras pasar boa parte do último ano en Palma de Mallorca xunto ao resto dos integrantes do GC32 Movistar, o proxecto encabezado polo vasco Iker Martínez na terceira división mundial dos grandes barcos voadores. Unha experiencia saldada coa participación nas tres primeiras das cinco probas do Circuito Sailing Series, aberto a tripulacións de todo o mundo pero cun calendario europeo, do que Paz e os seus compañeiros se despediron rozando o podio na Copa do Rei de Palma, cuartos.

 

A tempada 2016/17 vén de pecharse para o arousán sumando ademais unha nova concentración co equipo neozelandés de Nacra 17, en maio en Holanda, con Paz coma responsable técnico; e cun brillante decimoquinto posto no Mundial da Clase A disputado a finais de agosto en Polonia. Clase esta con 125 participantes nunha modalidade individual de barco voador que o galego está a usar desde hai un par de anos para irse afacendo ás manobras das embarcacións con foils que marcan a nova evolución da vela de competición de primeiro nivel internacional. Un Mundial da Clase A que, subliña Antón, «foi a miña primeira gran competición como patrón desde o Europeo Xuvenil da clase Europa de 1998», e que preparou con só uns 30 días de rodaxe na Clase A polos seu múltiples compromisos profesionais como regatista, e como adestrador.

 

 

Continuar nos barcos voadores

Neste último rol Antón ten billete de avión para Xapón, onde permanecerá do 15 de novembro ao 2 de decembro para traballar cunha nova tripulación nipona.

Respecto á vindeira tempada, «por agora non teño nada concretado», confesa Paz, cuxa primeira intención é enrolarse de novo nun GC32, no Movistar se Martínez consegue manter o seu proxecto.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Antón Paz encabeza un proxecto para recuperar a vela en Vilagarcía