A xornada intensiva séntalle a case toda a Terceira arousá de marabilla

VILAGARCÍA DE AROUSA

CARMELA QUEIJEIRO

Os de Jorge Otero comezaron carburar no casilleiro, o Ribadumia duplicou os seus puntos, e o Céltiga saíu do descenso. Só o Vilalonga deu para atrás

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os equipos do grupo galego da Terceira pechaban o domingo un maratón de tres partidos en oito días. Un esforzo de grandes proporcións para a maioría na Liga, con planteis de xogadores semiprofesionais que fan do fútbol un complemento do seu modo de sustento. Tres dos catro conxuntos do Salnés na categoría saíron moi reforzados da proba. Só o Vilalonga pechou o esprint dando un gran paso atrás, perdendo os seus tres partidos, e pasando de coquetear coa zona de promoción a comezar a sentir o bafo dos rivais que hoxe ocupan as catro prazas provisionais de descenso. Este é o balance dos equipos arousáns na semana intensiva.

Arousa

Do derbi da crise ao derbi do golpe de autoridade. Chegaba o Arousa moi tocado á maratón de tres partidos en oito días. Cun empate sen goles no estadio da Lomba fronte ao C.D. Ribadumia, e grazas, e o conxunto de Jorge Otero ofrecendo unha paupérrima imaxe ante os de Luis Carro. O Arousa saíu do derbi decimoterceiro con 7 puntos, só 1 sobre a zona de descenso, e cun único triunfo despois de sete xornadas de Liga nas que contaba con tantos goles a prol, 7, como en contra. No seguinte partido, o primeiro da serie de tres, o Arousa voltou non ser quen de exprimir as súas ocasións de gol ante o modesto Laracha, pero con outro 0-0 confirmou ter taponada a fuga de auga que, en forma de puntuais erros infantís na saída do balón, lle custaran a maior parte dos goles en contra e dos puntos evaporados. Catro xornadas leva sen encaixar o cadro vilagarcián, que entre o xoves e o pasado domingo asinou dúas das súas tres vitorias na tempada: 1-0 sobre o Racing Vilalbés e 0-2 en Barraña. Un triunfo sobre o Boiro que supón un golpe de autoridade e de efecto. Pola forma, con dous tantos de Yerai e de Javi Pazos nun intervalo de 3 minutos; e polo fondo, igualando a puntos a un rival directo polos postos de promoción que tamén empezou a tempada titubeante, escalando á novena praza a 5 puntos do cuarto.

  

C.D. Ribadumia

Consolidación da liña ascendente. Con só 2 puntos nas cinco primeiras xornadas de Liga pese ao seu bo xogo, o Ribadumia vivíu un punto de inflexión co seu triunfo 2-0 sobre o Céltiga e o 0-0 á semana seguinte na Lomba sendo superior ao seu anfitrión Arousa. A semana intensiva non fixo outra cousa ca reforzar a imaxe dun máis ca solvente colectivo nas mans do vilanovés Luis Carro, quen de tumbar na Senra a dous rivais da talla do Alondras (2-1) e do Ourense (1-0), cun empate a uns no campo do pechacancelas. Sete puntos cos que duplicou os que tiña xusto antes do maratón, e que o sitúan duodécimo, a 1 punto do Arousa, e con 5 de colchón sobre os postos de descenso.

 

Céltiga

O recambio no banquiño surte o efecto agardado. Atopou Manolo Núñez a finais de setembro un Céltiga afundido na zona de descenso, na que se mantivo de primeiras pese á reestrea do ourensán con triunfo, 2-0 sobre o Laracha. As vitorias pola mínima a domicilio ante o Racing Vilalbés e o Barbadás dobraron na semana das tres xornadas en oito días eses 3 puntos e os outros tantos herdados do pobre inicio de Liga con Edu Charlín á fronte do equipo da Illa. A derrota 0-2 co potente Boiro, cunha zaga en cadro e co progatonista dos dous triunfos precedentes, Uru, expulsado no minuto 42, entra dentro da lóxica dun Céltiga que sae do recente maratón moi reforzado na estima e na clasificación, hoxe con 4 puntos de marxe de erro.

 

Vilalonga

Os pés pisan terra. Os seus responsables non se cansaron de repetilo, os 12 puntos colleitados polo Vilalonga nas sete primeiras xornadas de Liga, e a sétima praza, a 2 puntos da zona de promoción, eran unha feliz ilusión froito do bo traballo do plantel, e do destape de Aarón coma killer goleador. Sen este último o Vilalonga vén de encadear tres derrotas, con dous goles a favor por sete en contra: 2-3 co Bergantiños, 0-1 ante o Arenteiro, e 3-0 no campo do Choco. De sétimo pasou a decimocuarto, empatado co Céltiga.