Os clubs arousáns premian os seus adestradores pola tempada de traíñas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Remo Mecos, Vilaxoán e Amegrove anuncian as renovacións de Fran González, de Gelo Tarrío e de Diego Cabaleiro tras valorar como fantástico o curso

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Bandeira Teresa Herrera pechaba o pasado 27 de agosto a Liga Galega de Traíñas A. Desde entón as directivas dos tres clubs da banda sur da Ría de Arousa tiveron tempo para analizar a tempada feita polas súas respectivas bancadas. E o certo é que todos coinciden en falar dunha valoración entre satisfactoria e «fantástica». A renovación dos adestradores de cadansúa traíña, Fran González na de Mecos-Mondariz, Gelo Tarrío na de Vilaxoán, e Diego Cabaleiro na de Amegrove, confirmada onte polos presidentes dos tres clubs semella, pois, un primeiro paso lóxico de cara a vindeira campaña. A que está á volta da esquina se partimos da inminente volta ao traballo dos remeiros, que en cuestión de dúas ou tres semanas arrincarán a preparación invernal. Estas son as valoracións emitidas desde os tres clubs arousáns.

C.R. Mecos-Mondariz

«Foi unha tempada fantástica, por enriba do que agardabamos». Este é o resumo que o presidente do Mecos, Juan Ramón Outeda, fai da tempada de traíñas do seu club. No tocante á bancada masculina, terceira clasificada a un chanzo dos postos de play-off á ACT, Outeda salienta o feito de ter sido un curso con troco de adestrador, coa volta de Fran González, o estratega da breve era da Mequiña na elite do remo.

Despois de ter sido sétima a campaña anterior, a traíña grovense saía este ano na LGT-A contando «con que Meira e Puebla estiveran por enriba», como así foi, pero «tamén ter por diante a Coruxo, a Bueu, e contabamos ademais con Amegrove, que este ano se reforzou», sinala Outeda. Así as cousas, «satisfacción plena» na directiva de Mecos, e «confirmada a continuidade de Fran González», coa meta de «manter ou igualar o posto deste ano no 2018».

amegrove C.R.

«Un 10». O presidente do club mexilloeiro, Manuel Fandiño, considera inmellorable a actuación da súa traíña «polas condicións que se nos presentaban. Con media ducia de rapaces que levaban de 8 a 10 anos sen remar, con xente nova e outra moi veterana, e con Diego Cabaleiro estreándose coma adestrador». Con este último pasou Amegrove da novena praza da LGT-A 2016 á sexta desta pasada edición, e «cun plantel con todos remeiros propios e canteiráns», salienta Fandiño, que adianta a intención do club de manter a aposta o vindeiro ano, con Cabaleiro confirmado coma adestrador.

C.R. Vilaxoán

«Estivemos ben, máis ou menos onde agardabamos estar». Gelo Tarrío compaxinou un ano máis a presidencia do C.R. Vilaxoán e o cargo de adestrador da súa traíña, algo que, adianta, voltará facer no 2018. Tras escalar da décima praza do ano anterior á oitaba na clasificación do presente, Tarrío subliña que a traíña vilagarciá cumpríu co obxectivo de «estar na quenda intermedia, e sendo competitivos. A idea é voltar manter o bloque, con catro xuvenís máis, para o vindeiro ano encabezar a segunda quenda pelexando por entrar na boa».

A embarcación feminina voltará ser prioritaria para a directiva de Juan Ramón Outeda

O C.R. Mecos gozou este ano da dobre satisfacción de ver o salto de calidade experimentado pola traíña masculina co retorno de Fran González á súa dirección, e a brillante campaña asinada polo proxecto conxunto promovido xunto co Náutico Ribeira do que xurdíu a bancada campioa da Liga Feminina Galega de Traíñas, e a terceira embarcacións no palmarés da Bandeira da Concha 2017.

«Na traíña feminina non hai máis ca parabéns», dicía un Juan Ramón Outeda cheo de fachenda, que lembraba o curto percorrido dun barco montado ao termo do Campionato de España de Traiñeiriñas. Pouco tempo para conxuntar dúas remadas diferentes. E «aí está o traballo dos dous adestradores», sinala o presidente do C.R. Mecos. Iván Trinta polo club grovense, e Jesús Silva polo do Náutico Ribeira. Gañando a traíña arousá todas as regatas en Galicia, e remontando en San Sebastián do quinto ao terceiro posto final tan só por detrás de dous xigantes, San Juan e Hibaika.

Liga Euskotren

Juan Ramón Outeda non quere entrar inda a falar da posibilidade de que Mecos e Ribeira aspiren xuntos a acceder á Liga Euskotren, a equivalente feminina á Euskolabel da ACT. «O que está claro», continúa, «é que o club está apostando polo deporte feminino, e o noso propósito é seguir nesa liña, coa formación dun equipo en condicións a vindeira tempada, para dar un paso adiante». Falar con Ribeira da opción de prolongar a súa unión será a primeira xestión neste camiño.