«O cartel do EncestaRías é moi bo. Cun traballo de formigas cada ano fan un torneo mellor»

O ourensán salienta o gran nivel dos alicerces do baloncesto de Vilagarcía, onde traballou no Cortegada

.

O pasado martes chegaba a Vilagarcía á fronte do plantel co que o Divina Seguros Joventut disputará mañá e o sábado o III Torneo EncestaRías ACB. Pero para Diego Ocampo (Ourense, 1976) o de Fontecarmoa é un pavillón ben coñecido. Nel dirixíu o filial co que o Cortegada contou na Primeira B na tempada 2003/04, e a el regresaba hai dous anos co Estudiantes para a primeira edición do EncestaRías, na que era a estrea de Ocampo á fronte dun primeiro banquiño ACB logo de aprender a carón de nomes como os de Maldonado, Pedro Martínez, Joan Plaza e o mestre de mestres, Aíto García Reneses.

-Outra vez en Fontecarmoa...

-Si... Van moitos anos desde que estiven no Cortegada. E hai dúas tempadas vin con Estudiantes. Unha das cousas que cabe salientar do baloncesto de Vilagarcía é o nivel deportivo que ten, non só falo de se ten un ou dous equipos na elite, senón do número de nenos que practican baloncesto aquí.

-¿E o Cortegada? ¿Seguíuno tras a súa marcha do club?

-Si, sempre o sigo. Rubén -Dominguez, o seu adestrador- é un bo amigo meu. Segue a manter a mesma liña, traballar coas rapazas novas, e ter un equipo sénior economicamente sostible. Agora está ben economicamente, e con iso, cada vez é máis competitivo.

-¿Que lle parece o cartel do terceiro Torneo EncestaRías?

-O cartel é moi bo. E cada día a resposta do afeccionado é mellor. Como todo, non todo se fai o primeiro ano. É importante que en todos os sitios haxa baloncesto de nivel, porque é un bo espello para os nenos, para motivalos.

-Vostede, que traballou no baloncesto vilagarcián, imaxinaba hai 4 anos ver unha cita ACB aquí?

-A verdade é que non [Risa]. Certo é que non había ACB, pero había torneo de Semana Santa. O importante é que haxa motores que movan o baloncesto; e a continuidade. Agora con Iván -Villar- e con Diego -Doval- traballando como as formigas organizando cada ano un torneo mellor.

-Os dous adestradores galegos na ACB, Moncho Fernández e vostede, reunidos no único torneo ACB galego da pretempada...

-Sempre lle digo a Moncho o mesmo, que agardo que continuemos xogando en contra moitos anos, porque será una boa nova para os dous. O meu obxectivo cando comecei nisto nunca foi ser un adestrador na elite. Pero a vida é así, traballando, e sendo axudado por moita xente, por adestradores que confiaron en min, por directivas que confiaron en min, e tamén por xogadores, estou aquí. Pero tamén sei que isto pode cambiar en calquera momento. Eu son igual de feliz adestrando na ACB que en cadete. Só penso no presente. A vida ensínache que o importante é vivir o momento actual, estar pendente só do que depende de ti; e mellorar.

-Falando de galegos, a tempada pasada dirixíu o maior talento do noso baloncesto, Alberto Abalde...

-Si. O de Alberto foi un ano especial. Fixo un gran traballo, a todos os niveis. E o máis importante, nunha tempada moi difícil de resultados, deixouse ensinar. Soubo escoitar, soubo mellorar; moito.

-Breogán, COB e Coruña outro ano na LEB Ouro. ¿Veos ascendendo desta volta? Moito levan agardando en Lugo e na súa terra...

-No Breogán e no COB pasa que, despois de anos na ACB, o seu afeccionado ten ganas de voltar. Pero o importante é ter un proxecto solvente que te garanta estabilidade. Se calquera destes equipos tira a casa pola fiestra, e en dous anos está mal, non vale. Ás veces tes que dar un paso para atrás, e construír. Construír un proxecto social, con moitos nenos e nenas xogando o baloncesto. E logo, construír unha boa pirámide de xogadores e de adestradores, de Lugo, de Ourense... que cos anos cheguen ao primeiro equipo. Iso é o que che pode garantir chegar á ACB. Estes equipos non poden vivir das subvencións públicas. Creo que os tres clubs o teñen moi claro. Creo que están construíndo para o futuro, co cal hai que ter paciencia. Tamén é certo que coa nova regulamentación é máis doado subir.

-¿Que vai cambiar no Joventut respecto ao curso pasado? ¿Que Penya verenos en Vilagarcía?

-Pois a verdade é que non o sei (Risa). Fáltanos Omari Gudul por chegar. Logo temos dous xogadores lesionados, Gielo, que estivo no Eurobásket, e Mavra, que a súa selección cortou o día anterior a empezar o campionato, que chegaron a finais da semana pasada. Por iso vimos uns días antes a Vilagarcía. Porque nun equipo o importante é construír desde a mentalidade, desde a actitude. Estamos en plena construción, pero con rapidez, porque o día 19 xogamos previa de Champions League en Georgia.

O alcalde, sorprendido pola súa elección coma padriño

A Asociación EncestaRías fixo onte a presentación oficial do seu torneo ACB no consistorio de Vilagarcía. Co alcalde, Alberto Varela, sorprendido polo anuncio de ser o novo padriño dunha cita pola que acababa de eloxiar a organización. Parabéns aos que se sumou o director técnico do Joventut, Jordi Martí, presente no acto. foto m.I.

Votación
1 votos
Comentarios

«O cartel do EncestaRías é moi bo. Cun traballo de formigas cada ano fan un torneo mellor»