O Arousa, en descenso por primeira vez desde a última perda de categoría

Presidente e adestrador coinciden en falar de mala sorte á hora de explicar o pésimo arrinque de Liga, moi semellante ó da aciaga tempada 2008/09

.

vilagarcía / la voz

O Arousa forma xunto co C.D. Ribadumia e co C.F. Noia o grupo de tres equipos incapaces de inaugurar os seus casilleiros de triunfos ao termo da cuarta xornada da Liga de Terceira División. Os tres ocupan, co Céltiga, as prazas de descenso directo, co cadro vilagarcián cos mesmos 3 puntos có illense, pero un posto por enriba. Certo é, cunha diferenza notable. Mentres os de Jorge Otero só perderon un encontro, con tres empates no seu haber, os de Edu Charlín veñen de encadear tres derrotas.

Se aos fríos números nos atemos, a cuestión é que o Arousa figura na zona de descenso á Preferente por vez primeira desde a última vez que perdeu a categoría. Naquela aciaga tempada 2008/09, que concluía penúltimo con tan só 35 puntos pese a ter marcado 61 goles, condenado polos 83 tantos recibidos pola súa defensa de papel. Un curso o de finais da pasada década que o conxunto vilagarcián arrincaba pechando tamén a cuarta xornada sen coñecer a vitoria, daquela cun empate e tres partidos perdidos. O Portonovo, que ao termo do exercicio acabaría acompañando o Arousa e o Gran Peña á Preferente antepenúltimo con 39 puntos, sería unha xornada máis tarde a primeira vítima arlequinada, cun 1-3 en Baltar no que resultaría o primeiro dos oito triunfos vilagarciáns do curso.

Nin ao presidente nin ao adestrador do actual Arousa se lles pasa pola cabeza un drama con desenlace fatal coma o lembrado. E dificilmente haberá entre a afección do equipo alguén que poida pensar nunha repetición así. Máxime, cando daquela había unha directiva disposta a deixar sen pagarlle practicamente toda a tempada ao plantel, fronte á modélica xestión e á palabra da xunta que encabeza Manolo Abalo.

O presidente arlequinado cualificaba onte de «sorpresa» a traxectoria do Arousa na clasificación. Unha situación que atribúe á sorte. «Os resultados estános dando as costas nos últimos minutos. De momento o que nos está a prexudicar é a sorte. que non nos acompaña. O equipo resposta, e é superior aos rivais, pero por circunstancias, non se está a gañar», di Abalo. Circunstancias como un gol de chilena encaixado no minuto 96 no Carballiño, que privou o cadro vilagarcián do seu primeiro triunfo da tempada, fronte ao Arenteiro.

Así as cousas, o mandatario declárase «contento co noso xogo», e confiado en que «terán que cambiar os resultados. Ou indo a polo partido metendo 2-3 goles máis, ou xogando nos últimos minutos doutra maneira». Atoparse en zona de descenso a estas alturas, entende, «é anecdótico», se ben recoñece que o calendario semellaba propicio para estar posicionado na zona boa da clasificación.

Da misma opinión é o técnico do Arousa. Jorge Otero, quen salienta que o Arenteiro marcou no seu único tiro a porta na segunda parte dun partido no que os seus homes foron mellores. «Estou preocupado, sobre todo porque non somos quen de facer gol. Pero polo demais, o equipo está a facer moitas cousas ben. As sensacións son francamente boas.

 

O efecto da primeira vitoria

«Precisamos esa primeira vitoria», di Otero. «Facemos moitísimas máis cousas ben para gañar que para empatar ou para perder. Fáltanos ese chisco».

E se esta última só se pode buscar, o que si «temos que seguir traballando é en ser máis contundentes». En todo caso, sinala Otero, «o que toca é seguir facendo o que estabamos a facer, porque iso nos vai levar á vitoria. Isto son rachas. Isto é fútbol».

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa, en descenso por primeira vez desde a última perda de categoría