Luz, palabras, e vinte tacos de xabón lagarto

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

«Versos a clareo» é o lema da intervención coa que Tembrás chamou a atención sobre a violencia machista

10 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dores Tembrás definiuse onte en Vilagarcía como «unha muller que sinte a urxencia de que se visibilice un problema», o da violencia machista, que este ano xa arrebatou 39 vidas. Chegou a poetisa cargada con vinte tacos de xabón lagarto e un fato de versos que puxo a clareo na rúa máis populosa da vila, Rey Daviña, para que a luz do sol, tímido por momentos, permitise revelar a imaxe de mulleres de antes e de agora. Formaba parte esta intervención artística do programa Mulleres en Acción: Violencia Zero, que a Deputación de Pontevedra está a despregar por vintecinco municipios de toda a provincia.

«Faime moi feliz volver a Vilagarcía», dixo Tembrás, quen hai tempo dedicouse a «traballar coas palabras» canda os alumnos do instituto de Carril. Presentou o seu traballo como unha continuación lóxica de Diapositivas a clareo, un poemario no que xogou a escritora coa «fricción entre dous termos»: a diapositiva que só se pode ver cando a luz a atravesa, e a do clareo, ese proceso milagreiro que fai desaparecer as manchas, de novo grazas á luz. Nesa encrucillada, transitando entre o visible e o invisible, atópanse moitas mulleres que sofren nas súas carnes a cara máis salvaxe do machismo.

O tendal en Rey Daviña

Transmutado en Versos ao clareo, o poemario transformouse onte nunha acción poética e reivindicativa. Pouco antes do mediodía, a escenografía estaba preparada ás portas da casa de cultura de Vilagarcía. No chan, atrapados entre dúas pezas de xabón lagarto, os versos escritos en folios de plástico transparente agardaban a súa hora. A iniciativa chamou a atención antes de que a voz da poeta enchese a rúa. Contou a poeta que unha muller, ao pasar polo lado da instalación, amosou a súa sorpresa ao se topar no chan con pezas dun xabón que a levaron, directa, «á súa infancia».

Quen quedou a escoitar a Dores puido transitar tamén do presente ao pasado, porque a escritora dedicou moitos dos seus versos a «reivindicar a xenealoxía de mulleres que me precederon». Mulleres anónimas nas que a poeta se busca, nas que se atopa e se recoñece. Así, Dolores recitou historias de nais que ensinaban a lavar nos vellos lavadoiros. Falou de nenas as que sacaban da escola para aplaudir, de lonxe, baixo a choiva, o paso dos cabalos do rei Alfonso XIII.

Falou Dores, tamén, da súa nai e da nai da súa nai. E de todas as mulleres que, antes ca ela, verteron en palabra os seus pensamentos e os seus sentires. «Mulleres que foron puntais» no mundo das letras e que moitas veces permanecen no ángulo escuro da historia da literatura polo simple feito de seren mulleres.

Facendo memoria

A poeta leu os seus versos de vagar, facendo pausas para que o público puidese meterse en situación. Sentir a auga fría do «río de abaixo» nas mans, o frío duns pés pequenos metidos nunhas botas desgastadas e cheas de lama, as tardes recortando pequenos anacos de tea para facer bonecos, o tacto dos vellos mandís nos que as nosas nais e avoas buscaban remedios para todo. Cando a voz da poeta se apagou, arrincaron os aplausos. E tragáronse algunhas bágoas.