A Xunta reparte 376.000 euros entre cinco parques industriais de Arousa

Vilagarcía, Cambados, Vilanova, Meaño, Catoira e Ribadumia recibirán as achegas


La Voz

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou apoios por preto de 376.600 euros para cinco parques empresariais de seis concellos da comarca do Salnés co obxectivo de mellorar o servizo que se presta ás compañías xa instaladas, segundo indican desde a delegación de Pontevedra. Os concellos de Cambados e Ribadumia recibirán unha subvención de 171.000 euros co obxectivo de mellorar a dotación das infraestruturas do polígono do Salnés, mentres que a Meaño destinaranse 13.369 euros co obxectivo de mellorar o alumeado público do parque de A Pedreira. O concello de Catoira poderá destinar 96.000 euros para a pavimentación e a construción de novas beirarrúas no acceso ao parque deste municipio, e Vilagarcía de Arousa tamén poñerá en marcha medidas de aforro enerxético de luminarias cunha axuda de 44.472 euros. Finalmente, e para o mesmo fin, Vilanova de Arousa recibirá 51.731 euros.

Con esta convocatoria, que prevé axudas do 80 % do custo subvencionable e que se incrementan ata un 95 % no caso de agrupacións ou fusións de concellos, «desenvolveranse actuacións orientadas á mellora das infraestruturas viarias, así como á dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia», segundo explica o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

En total, as axudas permitirán a executar de vinte proxectos en un total de quince concellos da provincia de Pontevedra, cunha aportación autonómica de 667.000 euros, nos que ademais de obras de eficiencia enerxética e melloras de viais, tamén se executarán iniciativas de depuración de augas, xestión de residuos e instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia.

As axudas que veñen de concederse enmárcanse no Plan de captación de investimentos, dentro do cal se está a tramitar a futura Lei de implantación empresarial. Esta norma busca facilitar o desenvolvemento empresarial de Galicia e a creación de emprego de calidade, impulsando a simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial, e a redución da fiscalidade empresarial, ao tempo que se busca dar resposta ás necesidades de diferentes sectores produtivos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A Xunta reparte 376.000 euros entre cinco parques industriais de Arousa