A Liga Galega de Traíñas prepara un agasallo para a centenaria Virxe do Carme de Vilaxoán

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

As embarcacións da LGT A e Feminina erguerán os seus remos ao son da Salve Mariñeira ao termo da Bandeira Concello de Vilagarcía

13 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira categoría da división de honra da Liga Galega de Traíñas e as cinco tripulacións da súa competición feminina citaránse na tarde deste sábado nas augas do porto de Vilaxoán para disputar a Bandeira Concello de Vilagarcía. Unha regata que chegará á súa vixésimo terceira edición masculina, e que, salientaban onte no acto de presentación representantes do C.R. Vilaxoán e do goberno local da capital arousá, recupera a bandeira de mulleres tras un único precedente no 2010.

O presidente do club organizador, un Gelo Tarrío que compaxina o cargo co de adestrador e remeiro da traíña, e o directivo Melchor Gago explicaron no salón nobre do consistorio de Ravella os detalles da que será unha edición moi especial da Bandeira Concello de Vilagarcía. Porque tras a disputa das quendas femininas e das tres masculinas «faremos coincidir a entrega das bandeiras coa baixada das imaxes das virxes do Carme e do Rosario ao porto, onde a Coral, o San Martín e mais nós farémoslle unha ofreda floral á virxe do Carme coas tripulacións de todas as traíñas la Liga na dársena erguendo os seus remos. Agardemos dar unha imaxe para o recordo», concluíron os directivos do C.R. Vilaxoán. Todo, co gallo da celebración do centenario da talla da virxe do Carme, que levou o club a promover dúas accións máis este sábado.

A primeira, a xestión da primeira retransmisión televisiva dunha regata da LGT esta tempada. A segunda, unha festa gastronómica conxunta co San Martín e de común acordo coa comisión de festas local, coa doazón de 1.000 quilos de mexillón por Óscar Rial e por Joaquín Rubio, este último en nome da Asociación de Mexilloeiros de Vilaxoán.

O goberno local e o C.R. Vilaxoán louváronse o un ao outro. «Desde a chegada deste goberno só temos palabras de agradecemento», dixo Melchor Gago. «Grazas por reactivar un deporte que nunca se debe perder en Vilagarcía», declarou o alcalde.

Recepcións ao equipo do Eixo e ao Campus Pablo Coira

A de onte foi unha xornada do máis deportiva para o alcalde. Pola mañá Alberto Varela recibira os sete integrantes do equipo de atletismo adaptado que representaron a Vilagarcía nos Xogos do Eixo Atlántico, cun terceiro posto na clasificación feminina; e a un grupo de alumnos estranxeiros do Campus Pablo Coira, co campión do mundo Sub-20 con eles.