O Cortegada buscará o ascenso co mesmo plantel, máis Cris Loureiro

Baloncesto A directiva anuncia a renovación de nove das dez xogadoras da fase de León, e a fichaxe da nova pero experimentada exaleiro do Celta Zorka


vilagarcía / la voz

Dous meses e medio van xa aló desde aquel fatídico final de partido co Movistar Estudiantes que separou o Kemegal Cortegada da matrícula de honra nunha campaña sobresaínte. Sen máis novas desde aquel quedarse co mel nos beizos na derradeira xornada da fase de ascenso de León ca renovación do corpo técnico dirixido por Rubén Domínguez, onte a directiva do club vilagarcián anunciou dun só golpe a totalidade do plantel co que, xa sen reservas, pelexará polo retorno á Liga Feminina na tempada 2017/18.

Aplicando a máxima de que o que funciona, mellor non tocalo moito, os responsables da entidade e Domínguez conseguiron levar case ao extremo a súa anunciada pretensión de manter o bloque que levou o Kemegal Cortegada á terceira praza do Grupo A ao termo da fase regular da LF2, e a tocar cos dedos a porta de acceso á Liga Feminina. Así, Rubén seguirá contando con nove das dez xogadoras coas que traballou no pasado exercicio, incluídas Lorena Castro e Antía Varela, que veñen de completar a súa etapa de formación e serán séniores de primeiro ano. Só faltará Sofía Mallo, a talentosa base formada na canteira vilagarciá, que tan bo rendemento ofreceu na súa primeira campaña sénior e tantas grandes cousas prometía. A súa marcha obedece, informaron desde a directiva, a «cuestiones personales». O club «le agradecemos su trabajo y compromiso durante toda su etapa en las categorías inferiores y en el primer equipo».

Sen ela, o Kemegal queda cunha única directora de xogo nata, Belén Mejías. Claro que opcións, e de calidade, hai para que a estremeña teña os seus bos e necesarios descansos durante os encontros. Da man da capitana Sara Gómez, que tras varias semanas de reflexión, decidíu continuar un ano máis en activo, asegurándolle ao Cortegada a lideresa que todo equipo con aspiracións de ascenso precisa. Ou de Salomé García, esa todoterreo que agás de cinco, semella quen de rendir con altas prestacións en calquera posto.

De feito, Salomé, titular no 3 do quinteto tipo de Rubén Domínguez durante a pasada tempada, quedará máis liberada coa única fichaxe do Kemegal Cortegada 2017/18. A aleiro ourensá de 183 centímetros Cristina Loureiro. Unha xogadora moi nova, de tan só 23 anos (22 de Abril de 1994), pero que acumula xa cinco na LF2 nas filas do Celta Zorka. Equipo no que botou nove tempadas tras saír moi nova o Carmelitas de Ourense, e que abandonou a seis partidos do remate da pasada fase regular da LF2 sen querer dar explicacións públicas do asunto. Ata ese momento promediara no curso 7,7 puntos, 1,4 rebotes e 0,8 asistencias en 19 minutos en pista.

Noutra orde de cousas, o Cortegada abríu a súa campaña de socios para a vindeira tempada, fixando en 35 euros o carné individual (30 o do CLB), e en 60 o familiar (50 o do CLB).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Cortegada buscará o ascenso co mesmo plantel, máis Cris Loureiro