«Gústame a parte escura; xogar coa parte máis negra da alma»

marina santaló

VILAGARCÍA DE AROUSA

XOÁN A. SOLER

Factoría de Subsistencia sorprenderá con letras vellas e novas á xente que vaia hoxe a Rey Daviña

18 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os numerosos proxectos de Josito Porto está Factoría de Subsistencia, a banda que o trae hoxe de volta. A actuación ten lugar as 13.30 horas na rúa Rey Daviña.

-¿En casa sénteste como en ningún outro lado?

-Son concertos especiais porque encóntraste con xente coa que compartiches moitas esmorgas cando era a época de compartir esmorgas por aí. Evidentemente, sempre que vas a algún lado a actuar queres facelo o mellor que poidas para que o público goce e, tamén, para que te volvan a chamar. Pero, aquí engadimos o factor de proximidade. Aínda que levo xa uns cantos anos sen vivir en Vilagarcía é o lugar de onde son, e sei que haberá moita xente querida que acudirá a ver que fai ese elemento que anda por tódolos lados.

-Hai quen pode velo como unha presión a maiores...

-Sempre hai una presión a maiores, pero é positiva. Os que nos dedicamos a isto imos tendo xa unha certa capacidade para dirixila. Atrancos xa hai bastantes; as barreiras temos que utilizalas para saltar ao outro lado.

-¿Son estes atrancos os que dan nome o grupo?

-Temos que aprender a meter as mans no lume e sacar as castañas de aí porque ninguén dos que nos prometeron que ían poñer as súas mans para que nós non nos queimásemos vai axudarnos. Hai que subsistir.

-Foron precisamente as acampadas do 15-M en Santiago as que che serviron de inspiración para este proxecto...

-Certamente, lanceime coa guitarra cando foron as acampadas no Obradoiro co obxectivo de amenizar a velada daqueles pelexeadores. Eu dicíalles continuamente que estaba pagado polo alcalde naquel momento, Conde Roa, para causar unha estampida na praza. Foi unha ironía que serviu de punto de partida. Naquel momento xa estaba dándolle voltas ao proxecto con outra persoa, e cando pasei por alí, eu só, quedoume clarísimo que quería seguir adiante. Necesitaba outra persoa, e terminou aparecendo Sabela Dacal.

-Teño atendido que a Sabela Dacal coñecíala do teatro

-Coñecémonos nunha das lecturas dramatizadas de Sabela Teatro en París. Non tardei en contactala para un espectáculo. Sempre nos entendemos ben. É a encargada de sacarme dos fregados no medio do escenario, marcando o camiño que hai que seguir. É como un faro. Unha persoa estupenda.

-A Ágora Vermú chegades en formato dúo.

-Si, este proxecto de Factoría de Subsistencia naceu como dúo e logo foise complementando ata compoñerse como banda. O ano pasado, de feito, estivemos tocando no chiringuito da praia da Compostela. Pero, nesta ocasión, volvemos como nos inicios de Factoría de Subsistencia. Tocaremos os temas do primeiro disco, «Cerca Da Túa Orella», e tamén outros temas que nunca foron tocados en ningún outro sitio.

-Entón, ¿haberá novo disco?

-A idea é sacalo antes de que remate o ano pero como eu teño unha vida tan desordenada...

-¿Manteñen o mesmo estilo de cancións, con retranca?

-Afondamos nesas partes máis escuras do ser humano, o que non quere dicir que sexan temas escuros. Gústame xogar coa parte máis negra da alma e, despois, montar un tema como se fose unha canción infantil. Como o caso de «Ñam, ñam», que é un tipo que se dedica a cociñar aos seus veciños.

-Haberá que invitar ao público a que o descubra...

-Iso por suposto. Claro que hai que convidalo. O domingo ao mediodía, cunha caña ou un vermú, é un momento fantástico para escoitar música.