Porto, Guimarães, Boavista, Spanish S.S. e Arsenal, no Torneo Cidade Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O campionato que organiza o Arousa declinou a participación dun equipo dos Estados Unidos ao xurdir a opción co cartel pechado

29 may 2017 . Actualizado a las 21:16 h.

A dúas semanas do asubío inicial da súa sexta edición, os responsables do Torneo Internacional ClaeViajes Cidade Vilagarcía Benxamín veñen de dar conta dun amplo primeiro adianto de moitos dos seus principais focos de interese. Cos nomes dun bo fato dos candidatos a erguer o trofeo de campión ao termo dunha competición que se disputará os días 16, 17 e 18 de xuño cos campos da Lomba e do Manuel Jiménez como escenarios. Este último, cun uso máis intesivo ca nas edicións precedentes, ao proceder a organización a cargo do Arousa á ampliación de 42 a 48 o número de equipos en lid; ata o punto de acoller o terreo de xogo de herba sintética partidos tanto o sábado coma na derradeira xornada da cita, o domingo 18.

O primeiro dato de interese desvelado polo director do torneo, Paco Ozores, é o número de equipos procedentes de fóra de España. Serán cinco. Isto é, arredor dun 10 %. De Inglaterra, dos Emiratos Árabes Unidos, e da veciña Portugal.

Da illa británica chegará, como xa se comunicara no único adianto de equipos feito con anterioridade, o Arsenal F.C. Faráo co seu mellor conxunto benxamín, que este ano tan só sairá de Inglaterra para competir na prestixiosa Iscar Cup de Valladolid, nun torneo en Holanda, e no organizado polo Arousa.

De terras arábigas repite a Spanish Soccer School of Dubai, a escola que dirixe o vigués Míchel Salgado co vilagarcián Pablo Coira á fronte dos benxamíns. Un Pablo Coira convertido en grande embaixador o Torneo Cidade Vilagarcía.

Porto, Vitoria de Guimarães e Boavista F.C., ningún deles na pasada edición, serán a representación lusa na capital arousá.

 

Descarte dos Estados Unidos

Desde o Arousa informan tamén de que «a última hora el Torneo tuvo que rechazar la participación de un equipo de los EE.UU, ya que surgió cuando el cartel ya estaba cerrado».

Doutros puntos da Península, o club vilagarcián adiantou a presenza das tres mellores canteiras de Euskadi, o Antiguoko de San Sebastián, filial da Real Sociedad, o Baskonia de Bilbao, filial do Athletic, e mais o C.D. Galdakao, campión da liga en Bilbao. A E.F.B. Lanzarote voltará por segundo ano consecutivo, reservando praza xa en outubro, e compartindo cartel con outra escola de alto rendemento, que no club, como a E.F. Palencia; esta última, de estrea no Torneo Cidade Vilagarcía.

Andalucía e Extremadura, de estrea

Entre os adiantos feitos polo Arousa figura o número de comunidades autonómas españolas representadas na sexta edición do Torneo Internacional ClaeViajes Cidade Vilagarcía. Serán dez: Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Castela-León, Cataluña, Canarias, Madrid, Extremadura e Andalucía. As dúas últimas, por vez primeira. Coa participación do C.D. Badajoz, e dunha selección de Andalucía oriental denominada Torneos de Andalucía. Ademais dos seus dous equipos benxamíns de segundo ano, o Arousa competirá no torneo tamén cunha Selección Ría de Arousa. Un plantel este composto por 14 xogadores visualizados polos olleadores do club noutros equipos da comarca.