O PSOE nomea militante de honra a Isaac Rodríguez

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

18 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O compromiso máis puro e natural cos proxectos colectivos de sociedade, que Isaac representou á perfección, e que contribuíu a facer do proxecto político e sindical unha ferramenta útil e necesaria». Con esta reflexión anunciaba onte a comisión executiva municipal do PSOE de Vilagarcía o nomeamento de Isaac Rodríguez coma novo militante de honra da súa agrupación. Unha tradición que os socialistas vilagarciáns instituíron na celebración do 1º de Maio.

Rodríguez, nado en 1936, é un dos primeiros militantes que se sumaron á agrupación do PSOE de Vilagarcía, logo da súa reconstrución en 1977 da man de Seso Giráldez. Atrás quedaban os longos e escuros anos da ditadura franquista. O labor de Isaac, subliñan os seus compañeiros, asentouse en dúas fronte complementarias: a política, no seo do partido do puño e a rosa; e a sindical, dentro da estrutura da UGT. El, de feito, foi secretario de organización tanto do PSdeG na capital arousá coma da unión comarcal da central en Arousa, formando tándem con Faustino Laya.

O seu traballo foi particularmente intenso ao longo da década dos 90 e os primeiros anos do novo século, facilitando a conexión entre a formación política e a organización sindical. Tampouco foi alleo ás candidaturas que competiron pola alcaldía da cidade, aínda que nunca chegou a desenvolver un cargo institucional. «Isaac Rodríguez -subliña a executiva local que hoxe encabeza Miro Serén- acompañou algunhas candidaturas municipais e participou en posteriores executivas, sempre en segundo plano por vontade propia».

O PSOE vén de abrir o prazo de inscrición no xantar de confraternización do 1 de maio no hotel Carril, por vía telefónica, 986 502 948, correo electrónico, psdeg_psoevilagarcia@yahoo.es, ou na propia sede.