«Precisamos un consello económico e social para solucionar a crise de Arousa»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O voceiro dos empresarios da comarca sinala a falta de liderado político en 25 anos de declive industrial na zona

12 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Luis Vilanova (Meis, 17 de outubro de 1966) vai camiño de cumprir o seu sexto ano á fronte da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa (FECA). Un mandato no que lle segue a tocar vivir o brutal impacto dunha crise dunha profundidade non recordada en décadas. En Arousa, co problema engadido de que chove sobre 25 anos de molladura. Un cuarto de século de degradación empresarial subliñada por Vilanova. A falta de liderado político na comarca é, na súa opinión, a principal causa. Reverter a situación, di, é posible, se empresarios e representantes públicos comezan a traballar xuntos dunha vez na diagnose e na solución do problema.

-Dicía o secretario de FECA, Manolo Míguez, hai un par de meses en La Voz de Galicia que a comarca arousá pasou en tres décadas de «potencia empresarial importante» a «ermo empresarial». ¿Comparte a descrición?

-Si. Desgrazadamente. E non é cuestión de que non haxa dinamismo mercantil na zona. A situación que vivimos nos últimos anos leva consigo esa destrución de tecido empresarial.

-¿Que diagnose fai do problema?

-Quizais non teña que ver co espírito emprendedor da xente da comarca, como si coa conxuntura económica, coas infraestruturas que quedaron pendentes na zona, con estratexias que quedaron mal definidas. A Estrada, por exemplo, está a facer unha autoestrada con Santiago, e non con Pontevedra ou co Salnés. ¿Por que antigamente eramos máis que agora? Pois quizais por unha serie de apostas que non nos beneficiaron. Nos últimos anos os nosos dirixentes non foron quen de atraer investimentos á nosa zona.

-Liamos estes días como a falta da velocidade de Internet lastra a actividade nos parques empresariais do norte de Pontevedra...

-Temos infraestuturas moi por debaixo das doutras partes de Galicia. E iso lastra. Deberan aparecer representantes públicos que liderasen un cambio. E iso véxoo en falta en Arousa. Iso nótase na falta de competitividade da comarca. Non é que os nosos veciños non sexan dinámicos, que o son. Xogan cun balón peor.

-Na Galicia dos 314 concellos cada localidade quere, e consegue, o seu auditorio, a súa piscina, e un gran letreiro coas palabras polígono empresarial polo xeral acompañado dunha grande extensión de maleza cuarteada por viais desertos. ¿Para Arousa, non sería mellor apostar por un par de grandes parques para atraer outras tantas empresas tractoras?

-Estou de acordo. Arousa tense que vender como comarca. A oferta de chan industrial ten que ser máis ambiciosa, e non pequenas parceliñas en cada lugar. Teriamos que competir con polígonos de última xeración, con todos os servizos do Século XXI, fibra, gas... e poder facturar produtos de valor engadido. Fanse moitos polígonos, que ademais afean a comarca.

-¿É posible unha reindustrialización do Salnés e do Baixo Ulla?

-Si. É posible. Os diferentes concellos deben traballar da man. Temos unha situación xeográfica moi boa, pero non a conseguimos explotar. Falta liderado de todos os que nos representan para pór en valor o que se pode poñer en valor, e non tivemos a forza dos poderes públicos para que cousas que xa había se mantiveran no tempo, e fóronse desmantelando. Tiñamos máis interrelación comercial co norte de Arousa, que nos restou Santiago coa súa autovía. Todo se dirixíu cara outro lado nos últimos anos en materia de infraestruturas.

-Desde FECA levan anos facendo didáctica e defensa da necesidade de mellorar as comunicacións de Arousa. Nun contexto de crise como o presente, ¿cales deberan ser as prioridades neste capítulo?

-Seguimos en crise. Iso de que saímos da crise é mentira. Primeiro, unha conexión por autovía de Carril a Catoira que recupere o noso vecenllo natural con Arousa Norte, que se perdeu desgrazadamente. Entre a segunda e a terceira cidades da provincia, unha autovía. E que o interior da nosa provincia se poida interconectar máis facilmente connosco, cunha autovía de Carril a Chapa.

-En todo caso, na comarca temos tren con saída a Portugal, porto de interese xeral do Estado, e autopista de itinerario europeo a 10 minutos de Vilagarcía. Semella que algo non se está a facer ben cando con tales recursos os índices de paro e de actividade económica en Arousa son os que son...

-Si. Algo estamos facendo todos mal. Habería que constituír un consello económico e social de Arousa entre todos, empresarios, Mancomunidade e concellos. Unha ferramenta para analizar que nos está a pasar, que estamos facendo tan mal para ter uns indicadores comparativos tan malos. E cando saquemos as conclusións, definir todos xuntos as solucións para sacar adiante a comarca. Porque nos últimos 25 anos as cousas non se fixeron ben. Noutras partes de Galicia hai consorcios dos axentes económicos e sociais. Aquí está todo moi desestruturado. Se non somos quen dunha iniciativa dese tipo, non imos poñerlles solución aos problemas.

«Somos o destino turístico máis barato de Europa. E iso é para nós un hándicap»

O presidente de FECA aposta por explotar e desenvolver todas as patas da produción económica en Arousa. E cre que hai moitas cousas que mellorar e aproveitar de máis formas no agro e no turismo.

-A horta e o mar son, quizais máis ca nunca, os grandes pulmóns económicos de Arousa. ¿Estámolos a aproveitar ben? ¿Velles potencial para a creación de novos centos de empregos dos varios milleiros que precisan O Salnés e o Baixo Ulla?

-Eu si. Eu véxo moito potencial. Estás falando cunha persoa que abona as súas viñas con algas do mar. Algo está a pasar coa zona norte de Arousa, cun sector industrial moi importante. Aquí non. Hai que facer un polígono do mar que sexa atractivo para as empresas, porque se non vanse instalar noutro lugar. Temos un potencial moi grande de desenvolvemento arredor do mar, máis aló da conserva. E o tema da horta, creo que máis menos o sector vitivinícola estáo a facer moi ben, inda que se poden facer máis cousas. Creo que hai que dar un paso máis, e traballar moito máis na calidade, e desenvolver máis proxectos de produtos arredor do viño pola vía do I+D+I.

-Sen aparentes solucións efectivas para impulsar un proceso de reindustrialización, o turismo converteuse no presente na grande esperanza branca en España e en Galicia. ¿Que percorrido lle ve en Arousa? ¿Cantos ovos deberamos poñer na comarca na cesta dos visitantes?

-No turismo hai moitas cousas que facer na zona. Somos o destino turístimo máis barato de Europa. E é un hándicap. Ás veces estamos a atraer volume, cando o importante é atraer turistas con maior poder adquisitivo, que lle xeneren máis renda á nosa zona. Hai que traballar na excelencia ambiental, que desgrazadamente non temos, porque hai zonas moi degradadas. Apostar por embelecer a comarca. Cada mirada en Arousa ten que ser unha postal. Hai que atraer público de calidade, que o tivemos. Hai 25 anos eramos máis atractivos ca agora. Non é cuestión de gañar récords de visitantes cada ano. En agosto ás veces xa estamos sobredimensionados. E desestacionalizar, poñendo en valor o que temos en cada tempada. E iso ten que ver coa reorganización aeroportuaria enteira. Agora que se fala tanto do renomeamento do Aeroporto de Labacolla coma Aeroporto Rosalía de Castro, en FECA fumos os primeiros que propuxemos chamarlle Aeroporto Rías Baixas ao aeroporto de Vigo, co seu valor de promoción da nosa comarca.

«Os nosos dirixentes deben moverse para captar empresas importantes»

-Pita, Megasa, o amago de Lantero... O de Vilagarcía é unha sangría industrial continua dun enfermo en estado crítico. ¿Pode permitirse Vilagarcía durmir só sobre o colchón dos servizos?

-Non. Nin moito menos. Ten que apostar pola industria. Pero non só Vilagarcía; toda a comarca. Entre outras cousas, temos que atraer primeiras marcas, poñendo as bases. A zona está ben situada. Demandemos as infraestruturas que nos corresponden. E temos que ir niso por diante. Cun polígono industrial especializado no mundo do mar, por exemplo. Pero témolo que facer, e conseguir que as empresas de primeiro nivel digan, aí é onde nos temos que instalar. Temos que promover proxectos manufactureiros importantes. Os nosos dirixentes teñen que moverse para captar empresas importantes. Pero ir a por elas.

-En poucos meses Vilagarcía contará cunha nova grande área comercial, á que se opoñen os pequenos comerciantes...

-Eu son un consumidor de pequeno comercio, que xenera moito valor engadido. E iso haillo que inculcar ao consumidor. Pero non lle poño portas ao campo nese sentido. Entendo que non podes pechar as posibilidades de novos proxectos mercantís.