«O problema de EU non ten que ver coa política e quen o creou debería explicalo»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

martina miser

Fajardo asiste con «tristeza» a un conflicto perante o que non ve outra solución que marcar un punto e aparte

23 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Militante do PCE dende que tiña 17 anos, Juan Fajardo Recouso (Vilagarcía, 1973) foi a face visible da recuperación de Esquerda Unida na capital arousá. Responsable comarcal da súa formación no seu momento, deputado de AGE na pasada lexislatura en Santiago, o seu papel orgánico nestes momentos circunscríbese á executiva nacional de EU. Con todo, obviamente segue a ser un dos referentes da agrupación que está a piques de ser disolvida polo consello político en Galicia.

-¿Que sensacións ten con todo o que está a suceder?

-Profunda tristeza. EU é útil na medida en que traballa para solucionar as cousas que lle interesan á xente. No momento en que somos noticia pola nosa situación interna deixamos de ser útiles. Ten que haber un punto e aparte.

-Como membro da executiva, ¿comparte a decisión de disolver a agrupación de Vilagarcía?

-Comparto. Tentouse durante moito tempo buscar outra saída, pero evidentemente hai unha parte que non está disposta.

-Hai quen fala dun problema de índole política ou ideolóxica.

-En absoluto. O problema non ten nada que ver coa política, e o que se agacha como unha diferenza ideolóxica non é máis cunha cuestión de egos ou personalismos. No último pleno daba a sensación de que ese colectivo votaría en contra, fixese o que fixese o grupo municipal.

-¿Entón é un problema persoal?

-O que digo é que non é un problema político. E que quen o creou debería explicalo. Teño a sensación de que as organizacións políticas de orde local, non só a nosa, están á marxe da xente á que representan. Da xente que nos apoia e nos vota, xente que en moitos casos non ten nada. Gastamos moitísimo tempo en debates intestinos que non solucionan a vida da xente, o que debería ser a nosa obriga. Hai quen pensa que as batallas orgánicas son as que hai que gañar. Creo que as batallas que hai que dar e gañar son as sociais.

-Niso EU non está a ser distinta doutras organizacións políticas...

-Por desgraza non. O que pasa é que EU ten moitos valores que a diferencian. Unha organización viva, na que sempre hai debate. Pero unha cousa é o debate e a discrepancia e outra moi distinta tentar monopolizar a organización e facela monolítica.

-¿De quen estamos a falar?

-Non quero personalizar. O conxunto de Vilagarcía sabe perfectamente quen son os actores políticos desta traxicomedia. Cando formas parte dunha organización podes estar ou non de acordo con moitas cousas, pero é lóxico e democrático aceptar o que lexitimamente decide a maioría. Debes respectar os procesos aínda que non esteas de acordo. Se non é así, se vas absolutamente en contra de todo o que se decide, ao mellor é que o teu proxecto político é outro. E hai outra cousa. Receo enormemente das persoas que cren estar na posesión da verdade absoluta.

-¿Cando se torce todo?

-Fun alleo a moitas cousas debido ao traballo parlamentario e, sinceramente, non sei cando rompe. Non se fixo ben esa transición. Pero si sei que a xente fixo un traballo enorme para converter Vilagarcía nun referente para todo o país. E que levamos tempo pechados en nós mesmos, cun certo sectarismo. Hai que abrirse a novos espazos e a nova xente. Aproveitar que xente como Suso ou María [Mosquera, a concelleira] se achegasen a nós.

-O voceiro, logo, ten o seu apoio.

-Sen dúbida. Comparto as súas posicións, aínda que, como é lóxico, todos temos discrepancias. O importante é ter un proxecto estratéxico común.

-¿Pero volvería ser candidato?

-Non é algo que teña en mente. Sen abrir nin pechar portas, creo que Suso é mellor candidato.

«Sen abrir nin pechar portas, para min Suso López é o mellor candidato e ten o meu apoio»