Jorge Otero mantén a aposta a fondo pola canteira para acadar o pase á final galega da Copa Federación

Vilagarcía / La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

Alberto Cabanyes reaparece tras a súa operación de apendicite, na que será a súa estrea a presente tempada

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa mídese esta noite (O Roxo, 20 horas) ao Cerceda na procura do pase á final da fase galega da Copa Federación. Unha derradeira eliminatoria autonómica que terá coma rival ao gañador do Rápido de Bouzas-Pontevedra que arrinca tres cuartos de hora máis tarde. 

Tras superar o seu equipo en sendas quendas de penaltis ao Negreira, a domicilio, e ao Bergantiños, na Lomba, o adestrador arlequinado, Jorge Otero, adiantaba o día anterior a súa decisión de manter a aposta a fondo pola canteira vilagarciá que trouxo o Arousa ata aquí na Copa.

Sen os lesionados Manu Justo, Óscar e un Julio Rey uns días en repouso polo golpe nun cuádriceps que obrigou á súa substitución na primeira parte do derbi do pasado domingo contra o Ribadumia, Jorge Otero dá hoxe descanso a Fran Matos, Suso, Sylla, Sergio Santos e Vitra.

Cabanyes, a gran novidade

Cabanyes, inédito inda na Liga tras ser intervido dunha apendicite na segunda semana de competición, é a gran novidade na convocatoria copera de Otero, que lle dará uns minutos na segunda metade. O técnico confirmou que «o 11 de saída será moi semellante ao do Bergantiños», partido no que lles deu a titularidade aos faltos de minutos en Liga, Pazos, Carlos Besada, Álvaro e Carballa, e aos xuvenís Alexi e Carlos Torrado, cos seus compañeiros de base Nacho e Migui saíndo desde o banquiño.