O groso dos equipos da comarca pasan á Liga de Veteráns da Federación

Vilagarcía / La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

Unha vintena de conxuntos do Salnés súmanse á nova competición, cunha Primeira División e dous grupos de Segunda

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Finalmente, a Federación Galega de Fútbol gañoulle a partida á Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra. Alomenos, no tocante aos conxuntos arousáns que viñan competindo, algúns deles desde un par de décadas atrás, no campionato extra federativo, convencidos pola nova proposta lanzada desde a directiva que preside o ribadumiense Rafael Louzán.

Así, son 20 os equipos do Salnés apuntados na primeira Liga de Veteráns da Delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol, cunha Primeira División con 17 participantes e unha Segunda de dous grupos de 16 conxuntos cada unha.

Na máxima categoría Arousa copa a metade das prazas, co Fortuna San Martín, Vilagarcía SD, 1995 Viajes Interrías, Amanecer, C.F. Veteranos de Vilalonga, San Pedro, Xocas e Cornazo. Completan a Liga o Caldas, Pontecaldelas, San Andrés de Xeve, Rápidos de Xeve, Caroi, Moraña, Noalla, A Estornela e Godos.

O Grupo 1 da Segunda División aparece copado case na súa totalidade polo Salnés: Albariño, Boa Vila Umia, Sisán, Bar Santiaguiño, Terras de Curro, A Diario Multitienda, Cafetería Vilariño, Soho Cambados, Armenteira, Catoira, Interrías Vilalonga e Cafetería Impacto Mosteiro. Monte Xesteiras, San Benitiño, Romai e SD Noalla son os outros conxuntos do cadro.

Os equipos foron convocados este venres a unha xuntanza na Delegación para coñecer os calendarios. Ao termo da Liga os dous mellores da Primeira xogarán un Campionato Galego, e haberá tamén competición de Copa.