«Con nós a xente ve dous gatos no escenario, dándolle duro»

Iván Pérez e Nacho Martín achegan o seu punk acústico de contrabaixo e guitarra; hoxe, na rúa Méndez Núñez


Hoxe • 13 horas • Rúa Méndez Núñez • Vilagarcía • Gratuíto • Xa está tardando, quen non coñeza o traballo desta xente, en teclear True Mountains por Internet arriba e abaixo. Sen dúbida, a proposta de Ágora Vermú que máis se alonxa do «mainstream». Con vostedes, o único dúo de punk acústico coñecido a esta beira do Padornelo.

-¿Como xurdiu este invento do punk acústico?

-Tocamos con guitarra acústica e contrabaixo porque é un formato que nos permite levar a nosa música máis aló dos bares e dese modelo nocturno tan ligado ao alcol. Entendemos a música como cultura, empezamos nisto porque nos gustaba e seguimos como comezamos, porque nos gusta e o pasamos ben. É unha faena que escribas as túas letras e logo só poidas tocar os sábados á noite en pubs, diante de xente borracha. Tentamos facer un formato reducido. Nós vimos do mundo do punk e do hardcore e, realmente, facemos o mesmo. Intentamos darlle o máis duro que podemos.

-Por exemplo, vir dende A Coruña a tocar a unha sesión vermú en Vilagarcía.

-Claro, é o que nos motiva. Somos pais de familia e xa escribimos as cancións con outra pretensión. Como o noso legado, o que lles deixamos, o que nós pensamos.

-De feito, fixestes un tema para Xabarín, ¿non?

-Fixemos. E a cousa está funcionando. Estannos a pasar cousas que nunca agardamos, a verdade. Hai pouco tocamos cuns rapaces dunha asociación de Síndrome de Down. Temos ido a un instituto, a unha biblioteca... É moito máis bonito do que nunca nos propuxeramos.

-O voso disco, «Freethinkers», está cantado en inglés. ¿Vai mellor para o punk?

-Eu veño de escoitar música anglosaxona toda a vida. Éme máis familiar á hora de escribir. Parece mentira, pero o galego e o castelán son moito máis complicados có inglés. Para dicir algo en galego tres que facelo en mil sílabas; en inglés abonda con catro. Cando mo propoño vai ben, pero costa, costa.

-Tamén tedes un EP con dúas versións en eléctrico. ¿Vai por aí o futuro? Porque sona realmente ben.

-Foi diversión. Puidemos facelo grazas a Pancho, o noso enxeñeiro. Eu en realidade é iso o que teño na cabeza cando escribo e tiñamos curiosidade por comprobar como soaría. Pero agora estamos facendo un disco novo, e tamén é en acústico. Ao principio tiñamos medo, porque o formato de dúo parece cutre no escenario, pero a xente ve dous gatos aí arriba dándolle duro e non é tan crítica. O que importa é a mensaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Con nós a xente ve dous gatos no escenario, dándolle duro»