Carlos Blanco e Luís Davila desafían ao planeta fútbol

VILAGARCÍA DE AROUSA

Os humoristas farán o venres unha preestrea, con todo xa vendido, na Illa
Os humoristas farán o venres unha preestrea, con todo xa vendido, na Illa . m. ferreirós< / span>

Os dous humoristas programan unha segunda función para o sábado, sen medo ao Celta-Dépor nin ao Barça-Madrid

29 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque o sábado vai pasar de todo. Lonxe do país, o Barça e o Madrid vense as caras nun encontro con presentimentos definitivos para o campionato de Liga. Moito máis preto, e aquí entramos en materia propia, Celta e Dépor mídense nun derbi que en Vigo ule a vinganza. Por fin, semella que será entón cando Núñez Feijoo decida se si ou se non. «E algo teremos que dicir», anuncia Carlos Blanco. Porque, por riba de calquera outra cita, o sábado resérvalle ao público de Vilagarcía unha primicia poderosa: a estrea de «Menú da noite», o espectáculo que o cómico arousán vén cociñando dende hai nove meses, man a man co debuxante Luís Davila.

Lonxe de enrrugarse diante da competencia futbolística, Blanco e Davila anímanse a programar unha segunda sesión, que a concelleira de Cultura, Sonia Outón, recibe cos brazos abertos. A primeira, ás oito da tarde. A segunda, a iso das dez e media da noite. Se non querías unha, aí van sete tasas. De caldo -«a materia da que estamos feitos os galegos»- que o propio Carlos Blanco cociñará sobre o escenario. «O 80 % do público será feminino», asume o humorista vilagarcián, aínda que a duración de cada función, arredor dunha hora e vinte minutos, «igual dálle tempo a algún a ver a segunda parte do partido».

«Menú da noite» é, sosteñen os seus dous artífices, o modelo pulido, picante e mellorado de «Menú do día», o espectáculo co que encheron teatros (medio cento de funcións e 50.000 espectadores) ao longo e ancho do país, con incursións ben recentes en Londres e Edimburgo. Os monólogos de Carlos son debuxados en tempo real por Luís, como pezas que, subliña o humorista gráfico, van encaixando nunha engrenaxe que, por ter, ata banda sonora ten, gravada pola Garufa Blue Devils Big Band.

Algún día, se cadra, haberá ocasión de incorporar os seus 18 músicos en directo. De momento, a txalaparta de Kepa Junkera e Ibon Ormazabal, a cultura do sacho -velaí os auténticos «satxalaris»- , unhas cuncas de caldo ao estilo Warhol, uns pasiños de claqué e mesmo unha animación coma remate teñen cabida neste espectáculo autoproducido, con subvencións cero, que xa vendeu 500 entradas en Vilagarcía e vai camiño das 3.000 en toda Galicia antes mesmo de comezar. As butacas pódense mercar en Ticketea, a 8, 10 e 12 euros... E bo proveito.