San Pedro, o equipo afeccionado que se fixo veterán

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Once proveitosos anos desde a reconversión forzosa do equipo vilagarcián de Cornazo

13 ene 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Once tempadas acumula o San Pedro-Bar Naranjito nas Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra. O nacemento do equipo, hoxe encadrado na 2.ªA, remóntase moito máis atrás. A 1989, cando os seus fundadores decidiron honrar o patrón da súa parroquia tomándolle prestado o nome ao atoparse o de Cornazo xa collido no Campionato de Afeccionados do Salnés.

Dábanos onte o dato José Antonio Martínez Fontes, Toño, desde hai anos centrado nas esixentes e quizais pouco recoñecidas tarefas de delegado no San Pedro. Toño cóntanos que o seu pasou de equipo afeccionado a facerse veterán por rigores dun xiro do guion. Coa desaparición do mencionado campionato no que botaran xogando el e mais os seus compañeiros de correrías sabatinas tras un balón, e o desexo de seguir disfrutando dun deses pequenos praceres accesibles que regala a vida. Un partido á semana entre amigos.

Desfeito o torneo afeccionado, no que podían participar xogadores desde os 16 anos de idade, Toño Martínez e varios dos seus compañeiros apuntaron o San Pedro na Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra. Despois, por suposto, de informarse ben. Obviando o teléfono para prantarse na cidade do Lérez na farmacia na que traballaba o inda hoxe presidente da Liga, José Pazos Rial.

Comezaba entón, once tempadas atrás, o cambio de condición dos afeccionados aos veteráns do San Pedro, un equipo que por normativa só podía agora contar con xogadores cos 30 anos cumpridos. Fíxoo con dúas decenas de efectivos, na Terceira División que daquela marcaba o chan do campionato, acadando na estrea o ascenso a Segunda División, e de aí directos á Primeira, a máxima categoría. Un dobre éxito encadeado con seis protagonistas inda nas filas do cadro vilagarcián: Toño Rivas, Diego Tomé, Ignacio Rodríguez, Óscar Coe, e os hoxe delegados Luis Brea e o propio Toño Martínez. Tres campañas en Primeira remataron co San Pedro iniciando un longo ciclo na Segunda que se prolonga ata hoxe, logo de pelexar sen éxito a campaña pasada por volver á división de honra.

«Pero mellor non subir», di Toño Martínez, que como moitos dos delegados dos equipos arousáns de veteráns foxe dunha categoría pragada de ex futbolistas da Preferente e da Terceira División que preceden a Segunda B do fútbol profesional.

De feito, un dos cambios que máis semella lamentar o delegado do San Pedro é que «isto agora é como a Champions League, en canto aparece un que toca ben o balón, límpancho». Un problema á hora de atopar futbolistas que se engade ao feito de que «hoxe en Vilagarcía somos oito equipos de veteráns». Pero o importante para Toño nunca cambiou. Pasalo ben, e disfrutar das pequenas alegrías que ás veces agasalla o paso do tempo. Como ver a un tío (Diego Tomé) compartir camisola no vestiario do equipo cun sobriño (Manuel Calvo).