Jorge Mira fala de sexo no Castro Alobre, e faino en galego

VILAGARCÍA DE AROUSA

Jorge Mira fíxose un «selfie» diante da placa do laboratorio que leva o seu nome<span lang= es-es >. </span>
Jorge Mira fíxose un «selfie» diante da placa do laboratorio que leva o seu nome. mónica ferreirós< / span>

O físico demostrou que é unha lingua válida para a divulgación científica

14 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os mitos sobre o tamaño do pene, a importancia das cadeiras da muller, os problemas de saúde que pode provocar o rasurado... Non se pode dicir de Jorge Mira que sexa covarde nas súas conferencias. O instituto Castro Alobre de Vilagarcía invitouno a impartir unha charla dentro das actividades de Normalización Lingüística, e o científico se algo tiña claro era que non pensaba aburrir á parroquia. «Estamos a falar de adolescentes que lles ferve o corpo, por iso centrei a conferencia en como funciona a atracción desde o punto de vista animal». Por iso, mentres entraban os alumnos de primeiro de Bacharelato no salón de actos, a pantalla reflectía a seguinte tese: «Multiplicámonos, ¿como animais? (E outras historias celestiais)». Apaixonante, desde logo.

Jorge Mira é un científico que rompe moldes, por iso na conferencia tamén botou por terra ese mito da separación de ciencias e letras. El falou de ciencia, pero o fixo en galego, para demostrar «que é unha lingua milenaria válida para vehicular a ciencia». Porque ese é o principal obxectivo do mes da ciencia que organiza a Consellería de Educación, que o ano pasado tivo como padriño a Anxo Carracedo, e este ano, a Jorge Mira.

O científico, ademais, acudiu á chamada do instituto encantado, porque o Castro Alobre dedicoulle o laboratorio de Física a este físico mediático, e el estaba realmente agradecido. «Para min é un honor estar ao lado doutros persoeiros tan importantes». Referíase a Mercedes Peón ou a Isaac Díaz Pardo, que dan nome a outras aulas.

Pero o miolo da cuestión estaba na tese que defendeu o científico: «A beleza é máis obxectiva do que parece, é un compendio de calidades externas que identificamos como calidade xenética. Queremos ter os mellores fillos e eliximos a quen pensamos que nolos pode dar». De aí o mito do tamaño do pene ou que os homes se fixen sobre todo nas cadeiras das mulleres.

O ceo e o inferno

Unha xornada totalmente distinta na que tamén estaba previsto falar da temperatura do ceo e do inferno, que o científico foi quen de medir. «A do ceo é de 232 graos, e a do inferno, de 444». Ou sexa, que se pasará calor remate un onde remate.

Deberon quedar encantados tanto os alumnos como os profesores, que reservaron unha sorpresa final para o científico. Jorge elixiu a súa árbore preferida, que os alumnos ían plantar no centro cunha placa en recordo do científico, que logo deberá seguir o seu crecemento e a súa evolución. Desde logo, unha visita que non pasará desapercibida.