O equipo devoto de Fátima, que despide as tempadas arredor dun gorentoso xabarín

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O hoxe conxunto vilaxoanés, que compite no Grupo 2.ºB das Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra, nacía hai 28 anos en Campelo

21 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a memoria e o seu profundo coñecemento na materia non lle fallan a Manuel Couselo Graña, o Fátima A.D.V., o club que preside, ostenta varios títulos honoríficos. Como o do conxunto arousán máis lonxevo nas Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra, ou o que leva practicado o fútbol máis limpo desde o principio dos tempos da populosa competición, con catro copas do Trofeo á Deportividade enchendo a súa modesta vitrina de premios. Dúas condicións que recollen a natureza do corpo e do espírito dun club que antepón a compoñente social ao engorde da folla de méritos deportivos. Cunha boa mesa e mellor conversa como terreo de xogo da prolongación de cada partido.

Co Municipal de Vilaxoán como actual feudo, e cun plantel composto maioritariamente por vilagarciáns, a peculiaridade do Fátima arrinca co seu mesmo nacemento. Hai 28 anos, na parroquia pontevedresa de Campelo. Foi daquela cando Miguel Otero, o que chegaría a ser presidente do Poio, o xa desaparecido Ñico, presidente da Confraría de Pescadores de Campelo, e o propio Couselo bautizaron o equipo «co nome da padroa de Campelo.

Co conxunto de veteráns marchou na equipaxe dous anos despois o seu actual presidente e delegado a Vilagarcía cando tivo que mudarse por razóns de traballo. «Comecei a xogar pachangas os domingos no campo de Cornazo, e contactei con xente de aquí». E con ela, e con varios dos futbolistas que xa estaban no cadro de Campelo, o Fátima A.D.V. continuou a súa andaina sen interrupción. Ata hai uns dez anos competindo non só cos equipos do centro e do norte da provincia de Pontevedra, senón tamén cos de Ourense, do Carballiño e de Ribadavia. «Viaxabas todo o día. Xa sabías que ías perder, coma eles o sabían cando viñan aquí. A arbitraxe era moi caseira. Pero aquilo era outra cousa. Ao final merendabamos xuntos os dous equipos», lembra Couselo con morriña.

E é que, di, «o bo de xogar a isto é coñecerse». «Facer piña» os seus 25 xogadores e pechar cada tempada celebrando ver de novo a Primeira como terreo inexplorado -o Fátima xoga na 2.ªB-, «porque subir é perder amigos pola competitividade que se lle deu á Liga», obrigando a desfacer grupos para fichar figuras. Despedir o campionato ceando todos xuntos un xabarín «que cada ano trae un dos nosos xogadores, cazador de Arcade». Ou retrasar esa mesma cea para disfrutala xunto cun equipo de Cudillero co que Couselo contactou por internet para xogar un amigable o ano pasado.

fútbol veterán