Cornazo, o equipo imparable nacido no campo da festa

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Vinte anos dunha pandilla camiño do quinto ascenso nas Ligas das Asociación de Fútbol Veterán de Pontevedra

30 sep 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

José Manuel Pinto, os irmáns Eduardo, Antonio e Gonzalo Ferreirós, Juan Coello (capitán), Juan Cores, Óscar Abalo e José Manuel Pérez. Oito nomes con longas tardes estivais de mocidade en común dándolle á pelota no campo da festa de Cornazo, e un máis extenso e feliz currículo compartido cando a idade comezou a encauzar por outros camiños unha afección pola práctica do balompé que na actualidade canalizan nas filas do Cornazo. O xunto co A Lama Veteranos colíder do Grupo 2.ºB das Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra, logo de ampliar a catro o seu pleno de triunfos o pasado sábado no seu derbi vilagarcián co Fátima: 2-0. Unha traxectoria que apunta ao terceiro ascenso consecutivo do actual equipo daquela pandilla dos tempos do fútbol na rúa no seu ata agora último proxecto común, o quinto se sumamos os que colleitaran no seu día nas filas do San Pedro.

Xogador e delegado, José Manuel Pinto comentaba esta semana como curiosidade que «o Fátima foi o equipo co que hai tres anos xogamos por primeira vez, un amigable, cando montamos o Cornazo». Pero antes os oito dos Borrizos participaran durante case unha década na Liga Local de Fútbol Afeccionado e na de Fútbol Sala de Vilagarcía que xestionaba Seso Patiño, 20 anos atrás. Na primeira, con dúas finais copeiras sen éxito no campo da Lomba; no torneo baixo cuberta, con sendos títulos de Liga e de Copa.

Entre os seus haberes, para os que se foron rodeando doutros bos compañeiros de batalla, Pinto e compaña fundaron no seu día o San Pedro para competir na mesma Liga na que agora o fan. Catro anos botaron no equipo, que «subimos como campións de Terceira a Segunda, e de Segunda a Primeira, na que nos mantivemos dúas tempadas».

Tras probar, varios por separado, noutros equipos, a pandilla dos Borrizos voltouse reunir no torneo de Fútbol-7 en Sobradelo. Pero «quedóusenos pequeno. Había máis xente que quería xogar connosco, e a competición fixaba un límite de fichas, non como na Liga de Veteráns» na que desembarcaron hai 3 anos fundando o Cornazo. Con ascenso de Cuarta a Terceira como subcampións, e de Terceira a Segunda hai uns meses á fronte da táboa. Claro que aos amigos dos Borrizos se lles sumou unha liña defensiva de auténtico luxo, co ex arousista Javier Bugallo, Segundo e un Manuel Lamas que apuntaba a grandes cousas antes de empezar a fichar na Citröen.