A escola de verán da Mazí prorroga unha sobresaínte campaña

vilagarcía / la voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

Imaxe de parte do alumnado da primeira escola de verán da Mazí, xunto con Alejandro Gómez.
Imaxe de parte do alumnado da primeira escola de verán da Mazí, xunto con Alejandro Gómez. m.i.< / span>

O club, con 84 licenzas e 5 campións galegos, volta ofrecer clases maxistrais de parte da elite autonómica

16 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, ás nove e media da mañá, casi tres ducias de rapaces de 6 a 12 anos inician a segunda Escola de Atletismo de Verán Mazí. Unha iniciativa coa que a agrupación atlética vilagarciá buscou hai un ano atraer a nenos da localidade e da contorna ao deporte do tartán, pero tamén da terra e do asfalto, co gancho das clases maxistrais de varias das figuras actuais do panorama galego. E vese que a iniciativa tivo eco.

Daqueles arredor de 20 participantes da primeira edición pasouse agora a 32. Unha cifra con posibilidade de aumento, por canto a A.A. Mazí mantén aberta a inscrición inda despois do inicio hoxe da segunda edición da súa escola de verán, toda vez que por diante queda inda un mes de clases de iniciación, co 14 de agosto coma día de clasusura.

Cun horario de 9.30 a 13 horas luns, martes, xoves e venres, con parón de media hora para repoñer forzas e nutrientes, o curso voltará contar con nomes ilustres. E desde o segundo día. Así, mañá está prevista a asistencia coma mestres de luxo de Víctor Gallego e de Frank Casañas, discóbolos internacionais absolutos, co cubano-galego lucindo no su currículo unha final olímpica.

O listado de visitas MVPs continuará o luns con Carlos Tuñas, responsable de velocidade da Federación Galega de Atletismo, e Mauro Triana, récordman galego de 200 e medallisa español de pista cuberta na distancia, que vén de estrear internacionalidade no Europeo Sub-23 de hai dúas semanas en Tallin, capital de Estonia. E o vindeiro martes, Santi Ferrer, adestrador responsable de saltos da Federación Galega de Atletismo, e Darío Costas, recente campión de España júnior en combinadas, visitarán as pistas de Fontecarmoa acompañados de Saleta Fernández, campioa nacional de salto de altura júnior hai 15 días, recordwoman autonómica absoluta da súa disciplina e o ano pasado internacional con España.

A partir de aí, o programa de clases maxistrais da Mazí está sen pechar, pero con nomes confirmados tan só pendentes de calendar do nivel do perteguista David Gómez ou o do no seu día olímpico Alejandro Gómez.

O salto cuantitativo da escola de verán, e o feito de que homes coma Gallego ou Casañas se decidisen a repetir nela, son o reflexo do excelente estado de saúde da Mazí. Un club fundado no ano 2010 a raíz dunha escisión da sección de atletismo do Liceo Casino, hoxe desaparecida en combate, e que pasou das súas 12 licenzas fundacionais á súa última e sobresaínte tempada, cifrada en 84 licenzas, en todas as categorías de idade, 22 medallas galegas, 5 campións autonómicos distintos, dous convocados coa selección autonómica cadete, 871 probas disputadas en máis de 50 competicións; e unha estrela emerxente coma Raquel Meaños, o pasado sábado a un chanzo da súa primeira final en catro campionatos de España -foi novena-, nos 600 metros.