Os Paz pinchan na derradeira manga da súa estrea en Porto

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Un posto 19 estragou a regularidade inicial dos vilagarciáns na primeira xornada do Campionato de Europa de 49er

08 jul 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

O Campionato de Europa de 49er arrincaba onte en Porto para os irmáns Carlos e Antón Paz nas mellores condicións. Con ventos lixeiros que nunca superaron os 8 nós de intensidade, facilitando a readaptación que o tripulante do Paz Sailing Team vén de iniciar contra finais da semana pasada na súa volta á navegación logo de tres meses e dunha semana afastado da auga por mor dunha forte neumonía. Nembargante, a alianza meteorolóxica coa causa vilagarciá non foi suficiente para situar o barco do Real Club de Regatas Galicia entre os 25 primeiros da clasificación provisional, os postos cos que contará o Grupo Ouro polo título e polo podio continental desde o xoves en virtude da confeción da táboa clasificatoria ao final do día de mañá.

Trixésimo sétimos dunha frota de 79 unidades. Así remataron a xornada inagural Carlos e Antón. Con 32 puntos no seu casilleiro particular logo de completarse as catro primeiras mangas das dez programadas na fase de clasificación para o Grupo Ouro, e procedendo como marca a regulamentación ao primeiro e único descarte. Os Paz borraron o posto 19 co que pecharon o día, e que cortou a súa regularidade con tendencia en positivo tras arrincar o Europeo de 49er cun decimoterceiro na primeira saída do día, un undécimo na segunda, e un oitavo na terceira.

Por diante de Botín e López

A boa nova, que Diego Botín e Iago López aparecen por detrás na clasificación, xusto un posto por baixo con 34 puntos. A mala, que os irmáns asturianos Federico e Arturo Alonso si figuran en postos provisionais de Grupo Ouro, decimonovenos con 20 puntos. Os galos Kevin Fischer e Marc Chapon marcaban ao termo do martes a liña de corte, vixésimo quintos con 24.

O Grupo Ouro, pois, está francamente a tiro do Paz Sailing Team, que hoxe encara de tres a catro mangas nunhas condicións complicadas ata para a mellor tripulación no Europeo do 2014, a dos alemáns Heil e Ploessel, trixésimo quintos con 30 puntos pese a que, como os regatistas doutros países coma Polonia, o Europeo élles proba selectiva para acceder aos Xogos de Río 2016 pola súa federación nacional.

Os portugueses Jorge Lima e José Costa explotaron a súa adaptación ao campo de regatas e son líderes con 4 puntos, cos polacos Przybytek e Kolodzinski segundos con 5, e cos británicos Pink e Bithell terceiros con seis.