Ajax e Benfica pechan o cartel da vixésima edición do AF7

vilagarcía / la voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O conxunto holandés, subcampión no 2003 e no 200,5 volta ao torneo tras sete anos de ausencia. A cita vilagarciá contará con equipos de sete estados e de tres continentes

23 abr 2015 . Actualizado a las 11:40 h.

A falta de tres semanas para a disputa da fase final do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 a organización vén de pechar o cartel dos 20 equipos que loitarán por alzarse co trofeo de campión da súa vixésima edición. Desvelados con anterioridade os nomes dos outros 13 conxuntos participantes por invitación, e coñecidas as identidades dos cinco cadros clasificados nas sedes da fase previa da Semana Santa, dividida por primeira vez en 14 anos en dous cun pé en Vilagarcía e outro ao outro lado do gran charco, en Dallas, ao equipo encabezado por Manolo Diz só lle restaba xa sacar á luz o escudo dos dous últimos aspirantes ao título. E de novo a espera pagou a pena.

O AFC Ajax de Amsterdam e o Benfica súmanse á oferta da cita vilagarciá, desde hai anos considerada unha das mellores da categoría alevín a nivel mundial. Dous vellos coñecidos dos seguidores do AF7, cuxos primeiros planteis poden presumir, como varios dos seus vindeiros rivais no céspede da Lomba, de contar nas vitrinas dos seus clubs coa copa de campión de Europa.

No caso do cadro holandés, trátase do regreso dun dos conxuntos que mellor sabor de boca deixou no Arousa Fútbol 7, e tamén dos máis esquivos. E é que a pesar dos sucesivos intentos dos responsables do torneo por voltar contar co AFC Ajax, non deron conseguido ata agora que pisara de novo Vilagarcía desde a súa cuarta participación, no ano 2007.

Varios internacionais na Lomba

Daquela o cadro de Amsterdam finalizara undécimo, logo de rematar subcampión nas edicións do 2003, caendo na final co Athletic de Bilbao, e do 2005, no cuarto e último título ata o momento do Real Madrid no AF7. No 2006 o equipo holandés pechara a súa presenza en terras arousás cunha sétima praza na clasificación final daquela edición.

Do nivel ofrecido polo Ajax na Lomba dan boa mostra os nomes dos hoxe internacionais absolutos Ricardo Van Rhijn e Daley Blind, ou o do futbolista do Panathinaikos Ouasim Buoy, todos eles co Arousa Fútbol 7 na súa carreira como futbolistas alevíns.

Polo que respecta ao Benfica, o cadro lisboeta forma co F.C. Porto a dupla clásica de grandes do balompé portugués no gran campionato de fútbol base vilagarcián.

Pechado o cartel final, a vixésima edición do Arousa Fútbol 7 contará con 20 equipos de sete estados e de tres continentes diferentes. O italiano e vixente campión Inter de Milan (Italia), o C.D. Guadalajara (Chivas, México), o Kashiwa Reysol (Xapón), o Toronto F.C. (Canadá), saído da sede estadounidense da fase previa, os mencionados conxuntos lusos e holandés, e os españois F.C. Barcelona, Real Madrid, Atlético de Madrid, Valencia, Athletic Club de Bilbao, Villarreal, Sevilla, Deportivo, Celta, e os catro clasificados na previa do Manuel Jiménez, AFB Lanzarote, Oroso, Calasanz e Ural.