Da chatarra tamén vive o home

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

De esquerda a dereita, José Luis, Manuel, Eduardo e o fillo deste, nun lateral da nave da Laxe
De esquerda a dereita, José Luis, Manuel, Eduardo e o fillo deste, nun lateral da nave da Laxe MARTINA MISER

A familia Bueno reivindica a profesionalidade do seu negocio, con tres xeracións facendo do aproveitamento dos refugallos metálicos o digno sustento do clan

14 ene 2022 . Actualizado a las 13:39 h.

Corría o ano 1949 cando Eduardo Bueno Díaz decidíu buscarse a vida a base de aproveitar o que a maior parte do resto da xente vía como simples refugallos. Desde osos de animais, empregados posteriormente para a elaboración de fariña ou peinetas, pasando polo papel, o cristal, trapos e, por suposto, o metal, tan escaso coma valioso na dura autarquía franquista. «Comezou recollendo o material ao lombo, e cando tivo algo de diñeiro mercou unha burra. Ía ata Ribeira a por material, e vendíao ou intercambiábao nas feiras», lembra Manolo Bueno Piñeiro, fillo do fundador de Chatarrería Dito e actual copropietario xunto co seu irmán, herdeiro a maiores do nome do seu pai. Son a segunda xeración dun clan que xestiona a empresa familiar coa axuda desde hai xa case 20 anos de parte da terceira xeración, Eduardo Bueno Bugallo e José Luis Bueno Abalo.

A historia dos catro é moi semellante. Todos eles comezaron a traballar na empresa no treito final da súa época na ensinanza obrigatoria, dedicándolle á chatarrería horas despois das clases, e os días de verán. Rematada a escolarización, a empresa converteuse na súa vida.

Claro que o negocio cambiou bastante co tempo. Tanto nos medios de traballo, coma no produto. Comezando pola propia ubicación de Chatarrería Dito, que pasou dun solar próximo ao consistorio vilagarcián a outro no lugar da Laxe, a onde se trasladou hai xa 27 anos.

«O primeiro camión-grúa que houbo nas chatarrerías de Galicia», o que desterrou a carga e descarga a man, «foi o noso», lembra Manuel. «Mercámolo no 76 coa metade dun premio da lotería».

Hai xa catro décadas que o papel, o cristal, os trapos e, por suposto, os osos quedaron fóra do negocio de Chatarrería Dito, que se centrou na venda de metal ao por maior para fundición, movendo de 2,5 a 3 millóns de toneladas ao ano. Como no resto da sociedade, o sector da chatarra tamén está a sufrir nas súas carnes a grave crise económica.

A familia Bueno foi este mesmo ano unha das beneficiadas do elevado incremento do prezo das materias primas. «Hai tres meses os metais estaban polas nubes», ata o punto de que «nos entraron a roubar varias veces. As autoridades collían os ladróns, pero lles tomaban declaración e soltábanos», din con evidente malestar. «O quilo de cobre pagábase a 5 euros, e o aluminio a 1,5, mentres que agora están a 1,5 e a 0,30», sinala Eduardo fillo. «¿Quen recolle agora o material? Ninguén. Nestes momentos vale máis o gasoil necesario para o transporte que a chatarra».

En Dito din que «non queda outra que aguantar», di Eduardo pai, mentres o seu irmán, Manuel, asegura que «isto está peor do que a xente cre. Houbo crises antes, pero coma esta, non».

O máis locuaz do clan dos Bueno, Manuel, recoñece que a imaxe do sector non é a mellor. «A xente venos coma bichos. Pero este é un negocio como outro calquera». Na súa opinión, é o intrusismo e a falta de control da Administración o que lle dá mala prensa ao sector. «A metade do sector non é profesional, traballa sen licencia, e é esa parte a que move a mercadoría roubada. Temos sona de que nas chatarrerías mercamos todo, sen preocuparnos de onde ben. E non é así. As chatarrerías están para mercar o que sexa legal. E as autoridades deben vixiar que sexa así».

Manuel Bueno critica con dureza as administracións públicas, ás que acusa de favorecer as empresas de reciclaxe coa recollida selectiva e os puntos limpos, dúas actividades «montadas polos políticos, e que pagamos todos os cidadáns para que despois empresas que din ser sen ánimo de lucro vendan o material que recollen».

Con crise e con competencia desleal, Chatarrería Dito semella ter o futuro asegurado. Luis di que tanto el coma o seu curmán «temos ilusión por seguir co negocio». Con ela e a experiencia teñen medio camiño andado.