Valga despide a María Tarrío, unha pandereteira de 103 anos que compartíu a sua memoria musical con toda Galicia

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

María Tarrío foi unha das homenaxeadas polo Concello de Valga co gallo do 17 de maio do ano pasado.
María Tarrío foi unha das homenaxeadas polo Concello de Valga co gallo do 17 de maio do ano pasado. Concello de Valga

O enterro da veciña de máis anos da localidade será este venres pola tarde

16 abr 2026 . Actualizado a las 20:50 h.

Valga despediu este xoves a María Tarrío Campaña, a veciña de máis anos do municipio: cumpriu, no pasado mes de setembro, os 103. A capela ardente da avoa da localidade atópase na sala 3 do tanatorio municipal, e este venres terán lugar os actos fúnebres, con saída dende o tanatorio ás catro e cuarto cara a igrexa parroquial de Santa Columba, onde se celebrará o funeral e, seguidamente, recibirá sepultura no cemiterio parroquial.

María Tarrío naceu no seo dunha familia humilde de Moldes, aínda que vivía en Eiras, sendo a mediana de sete irmáns. Formou unha extensa familia de sete fillos, doce netos e once bisnetos. Como a maioría de mulleres da súa época, dedicou a súa vida ao coidado do fogar e ás tarefas do campo e, ademais, foi costureira. E aínda lle quedaba tempo para participar en seráns, ruadas e xuntanzas, antano habituais nas aldeas e nas que non podían faltar as gaitas e coplas. María foi pandereteira e contribuíu a transmitir cultura popular galega a recolledores de cantares e estudosos da pandeireta. De feito, foi unha das homenaxeadas polo Concello no último Día das Letras Galegas pola súa contribución a preservar a poesía oral e a cultura popular de Galicia. 

O alcalde, José María Bello Maneiro, manifestou a súa tristura polo pasamento da centenaria e traslada, no seu nome e no de toda a Corporación e veciñanza, o péseme aos seus familiares e achegados.